Fai nove meses Jéssica Bouzas gozaba da súa primeira experiencia no cadro final dun Grand Slam, ao superar a fase previa de Wimbledon e caer despois na primeira rolda do torneo.
Agora, menos dun ano despois, albisca a que será a súa segunda presenza entre as mellores nun torneo 'grande', pero farao grazas a unha espectacular escalada no ranking mundial da WTA, no que este luns 15 de abril toca o posto máis alto da súa carreira ata a data (90) grazas ao subcampionato no Open de Zaragoza ITF W100. Era a súa quinta final da tempada.
A arousá está por primeira vez entre as 100 mellores do planeta, unha situación que a coloca en posición inmellorable para entrar de maneira directa no sorteo de Roland Garros, no que participan 128 tenistas (112 directas por ranking e 16 procedentes da previa).
Antes do Grand Slam de terra batida, que arrincará o 20 de maio, entre os próximos torneos de Jéssica Bouzas aparece marcado en vermello o WTA 1.000 de Madrid, no que as últimas tempadas participou desde a fase previa.
O ascenso no ranking situou ademais a Bouzas como cuarta mellor tenista nacional ao superar na clasificación a unha ex-número dous mundial como Paula Badosa, agora no posto 93. Por diante xa só están Sara Sorribes (número 51), Cristina Bucsa (73) e Rebeka Masarova (80), unha situación que ademais pon ao alcance outro soño, o de poder disputar os Xogos Olímpicos.