Reto de altura para o deporte pontevedrés nos Xogos Europeos de Minsk

Pontevedra
21 de xuño 2019

A cidade de Minsk, en Bielorrusia, acolle desde este venres 21 de xuño a segunda edición dos Xogos Europeos, unha cita que reunirá a máis de 4.000 deportistas e na que competirán Lydia Pérez en loita e Carolina García, María Pérez e Natalia García en piragüismo

Lydia Pérez, no Europeo Sub-23 de loitas olímpicas Federación Galega de Loitas Olímpicas

A cidade de Minsk, en Bielorrusia, acolle desde este venres 21 de xuño e ata o día 30 a segunda edición dos Xogos Europeos, unha cita que reunirá máis de 4.000 deportistas de 50 países para competir en diferentes modalidades deportivas.

Entre todos eles cóase unha pequena representación do deporte pontevedrés, que aínda terá que esperar uns días para entrar en competición. Trátase de Lydia Pérez en loita olímpica e de Carolina García, María Pérez e Natalia García en piragüismo.

O martes 25 de xuño estrearanse na programación dos Xogos Europeos estas dúas modalidades deportivas, aínda que no caso de Lydia Pérez (Club de Loita Pontevedra) a súa categoría (-62 quilos) ten fixada as súas eliminatorias para o xoves 27 de xuño, empezando a pontevedresa a competir desde os 1/8 de final. A loita polas medallas, cos combates polo bronce e polo título disputaranse un día máis tarde, o venres 28.

No caso do piragüismo, dúas das deportistas da comarca estrearanse xa o mércores 25. Trátase de Natalia García (Breogán do Grove) no  K-4 500 e María Pérez (Naútico O Muíño) no C-2 500 metros. Ambas as dúas terán que afrontar as clasificatorias e unha posible semifinal antes das quendas finais, fixadas para o día 27.

Pola súa banda Carolina García (EP Ciudad de Pontevedra), que competirá no  K-2 200 xunto á balear Aida Caterina Bauzá, afrontará as eliminatorias o mércores 26 e no caso de meterse na final pelexarán polas medallas un día despois, o xoves 27.

En piragüismo estarán presentes tamén en Minsk o cangués Rodrigo Germade e o vigués Roi Rodríguez.

En total, o equipo español en Bielorrusia estará conformado por 150 deportistas (78 homes e 72 mulleres) que competirán en atletismo, bádminton, baloncesto 3x3, boxeo, ciclismo, fútbol praia, ximnasia, judo, kárate, loita, piragüismo, tenis de mesa, tiro con arco e tiro olímpico.