A seleccionadora nacional de fútbol sala feminino, Clàudia Pons, citou a 14 xogadoras para comezar a preparar a fase de clasificación do próximo Europeo, que se disputará o próximo mes de outubro.
Na primeira convocatoria da tempada estará ben representado o fútbol sala pontevedrés.
Así, na concentración que se desenvolverá do 22 ao 29 de agosto, estarán dúas xogadoras do Marín Futsal como Silvia Aguete e a recentemente fichada Ale de Paz, Luci por parte do Poio Pescamar e tamén a pontevedresa Jenny Lores (Ourense Envialia).
Despois de conseguir en xullo o título de campioas de Europa, a Selección inicia agora o camiño nunha nova competición continental co obxectivo de alcanzar a fase final do próximo mes de marzo.
Antes, na previa, deberán medirse a Finlandia, Suecia e Bélxica.
En canto á concentración do mes de agosto, incluirá un partido amigable o domingo 28 fronte ao AD Alcorcón.