O Poio Pescamar retomou a competición este sábado no renovado Pavillón da Seca cun empate ante un correúdo e complicado Alcorcón.
A inauguración do novo pavillón celebrouse cun pequeno acto no que participaron o alcalde, Luciano Sobral, a edil de Deportes, Marga Caldas, e membros dacCorporación local. Caldas agradeceu "a paciencia dos clubs durante os meses que duraron as obras e a colaboración dos concellos de ao redor á hora de ceder as súas instalacións para acoller adestramentos e competicións".
En canto ao duelo de titáns entre Poio Pescamar e Alcorcón, predominou ante todo a intensidade na presión mostrada por ambos os conxuntos, incapaces de atopar con claridade a portería rival.
Foi Luci, en xogada de estratexia, a que abriu a lata para o conxunto vermello cando se alcanzaba o minuto 7 de xogo. Á saída dunha falta sacada por Rocío, habilitou á internacional española que, de disparo escorado coa esquerda, axustou o esférico ao pau para superar a Estela.
Co paso dos minutos, o equipo madrileño avisou con numerosas chegadas de perigo, aínda que foi ao fío do descanso cando a ex do Poio, Nere Moldes, conseguiu igualar o partido tras unha internada pola banda dereita.
Tras o paso polos vestiarios, choveron as ocasións para Poio e Alcorcón. Luci e Laura Uña tíñanas para as locais e Laura para as oleiras, imprimindo maior intensidade ao encontro.
E puido calquera equipo levar o encontro, as vermellas cun disparo de Dani Sousa que se estrelou no poste e, xa na recta final, cando López-Tulla optou polo xogo de cinco con Chiesa como porteira xogadora, as visitantes enviaron o balón ao pau por medio de Tania.
Poio Pescamar (1): Elena, Anna Escribano, Dani Sousa, Martita e Elena Aragón (quinteto inicial). Tamén xogaron, Rocío, Irene Garcia, Laura Uña, Luci e Chiesa,
AD Alcorcón (1): Estela; Laura Sánchez, Aída de Miguel, Laura e Nere Moldes (quinteto inicial). Tamén xogaron, Carmen Alonso, Tania Benito, Marta Nuño, Clau López e Albita.
Incidencias: A Seca. Colexiados, Carrera Romero e Ferrero Carballal. Amoestaron a Luci, Anna Escribano no Poio Pescamar e Tania Benito, Guillermo Camarón no AD Alcorcón.
Goles: 1-0, min. 7 Luci. 1-1, min. 18 Nere Moldes.