O Arosa visitou este domingo o campo da Grela onde se mediu a un Silva necesitado de gañar e que levaba ata a fecha sete partidos sen coñecer a vitoria.
Tras unha primeira metade igualada, con ocasións para ambos os conxuntos, ao fío do descanso o cadro coruñés golpeou ao Arosa cun tanto de Marcos Gómez, o xogador máis diferencial do Silva esta tempada que deu ás aos seus e esperanzas para a segunda metade.
Pero despois do descanso, o equipo de Luisito buscou o empate custe o que custe, e remou ata bater a portería de Adrián Castro para igualar a contenda cando se alcanzaba a hora de partido cun gol de Brais Vidal.
Puideron os dous conxuntos co 1-1 inclinar a balanza ao seu favor, pero o resultado non se moveu máis e asinaron unha repartición de puntos que mantén ao Arousa en terceira posición a dous puntos do segundo, o Racing Villalbés, e a 6 do líder, o Deportivo Fabril.