Renovado o convenio de patrocinio entre o Concello e o Poio Pescamar

Poio
04 de maio 2021

O alcalde e a edil de Deportes de Poio destacaron tras a firma do acordo o "gran labor, traballo e esforzo" do Poio Pescamar especialmente nunha tempada como a actual marcada pola pandemia

Firma do convenio de patrocinio entre o Concello e o Poio Pescamar Concello de Poio

O Concello de Poio e o Poio Pescamar acaban de renovar o acordo de patrocinio do club conserveiro para a tempada que se atopa en marcha, a 2020/2021.

Trátase dunha liña directa de axudas que ofrece o goberno local a entidades e deportistas que compiten ao máximo nivel, e da que tamén se benefician por exemplo o Balonmán Poio Artai ou o piragüista Sergio Vallejo.

Na firma do convenio estiveron presentes o alcalde, Luciano Sobral, a edil de Deportes, Marga Caldas, e o presidente do Poio Pescamar, Juanjo García.

Tras o acto os representantes do goberno municipal destacaron o "gran labor, traballo e esforzo" realizado pola entidade deportiva, especialmente nunha tempada como a actual coa dificultade engadida da situación sanitaria, o que non lle impediu competir ao máximo nivel.