Remontada e triunfo de ouro para o Arosa contra o Somozas (3-4)

O Salnés
17 de decembro 2022

O Arosa pechou este sábado o ano facéndose cos tres puntos no campo do Somozas. Os de Luisito chegaron ao descanso perdendo por 3-1, pero pelexaron ata remontar e asinar un 3-4 co que concluíu o partido  

Partido entre UD Somozas e Arosa Arosa SC

O Arosa pechou este sábado o ano facéndose cos tres puntos no campo do Somozas. Os de Luisito chegaron ao descanso perdendo por 3-1, pero pelexaron ata remontar e asinar un 3-4 co que concluíu o partido.

Dous rivais directos polo ascenso víronse as caras esta tarde no Manuel Candocia para disputar o último partido do ano, que non deixou indiferente a ninguén e no que se viviu un auténtico recital goleador por parte de ambos os conxuntos.

Alcanzado o cuarto de hora de xogo adiantouse o Somozas cun gol de Álex Cabarcos, que superou a Manu Táboas cun disparo cruzado. Pero a alegría ao cadro local durou tan só tres minutos, o que tardou Borja en devolver as táboas ao marcador.

Tras uns minutos igualados nos que calquera puido anotar, o Somozas volveu poñerse por diante tras unha boa xogada en campo do Arosa que finalizou Jesús Cañizares. E ao fío do descanso, Cañizares devolveu o golpe aos de Vilagarcía, asinando o 3-1 co que finalizou a primeira metade.

Despois do paso polos vestiarios, o Arosa púxose ao choio e reduciu distancias cun gol temperán de Iñaki, recentemente ingresado no terreo de xogo, e empatou pouco despois con outro de Borja Míguez, que facía o seu segundo gol da tarde e que valía o empate.

Os dous equipos querían o triunfo e gozaron de numerosas ocasións, pero o máis acertado foi un combativo Hugo Losada que anotou o 3-4 co que concluíu o duelo.

Con este resultado, o Arosa vaise ao parón do Nadal en terceira posición con 26 puntos, a un do Villalbés, que é segundo, e a tres do líder Deportivo Fabril