Remontada do Pontevedra ante o Cristo Atlético para empezar o ano cun sorriso (4-1)

Pontevedra
09 de xaneiro 2022

O Pontevedra Club de Fútbol arrincou 2022 con pechou o ano, gañando, esta vez ao CD Palencia Cristo Atlético en Pasarón nun encontro no que só a falta de puntería (ata dous tiros aos paus) evitou que fose máis desafogado, e que permite manter a persecución ao de momento intratable líder Unión Adarve

Partido de liga entre Pontevedra e Palencia Cristo Atlético en Pasarón Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol iniciou 2022 con pechou o ano, gañando, esta vez ao CD Palencia Cristo Atlético en Pasarón nun encontro no que só a falta de puntería (ata dous tiros aos paus) evitou que fose máis desafogado, e que permite manter a persecución ao de momento intratable líder Unión Adarve.

Ángel Rodríguez apostou para a primeira cita do ano polo mesmo once inicial das últimas xornadas de 2021, con excepción de Cacharrón en portería que tras case non poder adestrar cedeu o seu lugar a Álvaro Cortés, e precisamente o gardameta foi o primeiro dos granates en lucirse, xa que tras un bo arranque do Cristo Atlético con dúas combinacións prometedoras anuladas por fóra de xogo, o palentino Rafa perdoou o 0-1 aproveitando un inoportuno  resbalón de David Soto para plantarse man a man fronte á portería, atopando unha acertada resposta do meta.

Superado o susto inicial o Pontevedra foi facéndose co mando do xogo e empezou a gañar metros gozando das súas primeiras ocasións. A primeira nun  cabezazo de Brais ao primeiro pau nun centro de Yelko que se foi lixeiramente alto, e despois nunha chegada de Seoane ata a liña de fondo para ceder raso ao momento de penalti á entrada dun Yelko que, forzado, non atopou os tres paus.

Facían mérito os granates a pesar do rápido do terreo de xogo de Pasarón, lixeiramente encharcado nalgunhas zonas, e puideron adiantarse no minuto 26. Brais e Charles forzaron cunha boa combinación ao primeiro toque unha perigosa falta na media lúa da área cuxo lanzamento Seoane estrelou na cruceta.

Perdoaban os locais e o Palencia pasou factura na seguinte xogada, no que segue sendo no novo ano o talón de  aquiles dos de Ángel Rodríguez, a defensa en xogadas de estratexia. Adri colgaba o coiro nun golpe franco afastado, o despexe da zaga non era contundente e o esférico quedaba morto na área para que Álvaro conectase un certeiro disparo á cepa do poste poñendo ao seu equipo en vantaxe no minuto 27.

Lonxe de vir abaixo co golpe, os granates insistiron no seu plan na busca do empate, sen poñerse nerviosos nin sequera cando Bispo varría a Charles na área sen que o colexiado decretase penalti. Esa acción si fixo saltar chispas no banco local supoñendo a expulsión do adestrador de porteiros, Moncho.

Samu Araújo probouno na seguinte acción cazando un balón preto do punto de penalti que mandou ás nubes. Sería o preludio do empate. Corría o minuto 35 e Charles escapábase polo costado destro, cedía rasa á chegada de Yelko e o centrocampista de primeiro toque habilitaba a Brais Abelenda deixándoo man a man co gardameta visitante, Guille, e baténdoo por baixo.

Era a recompensa á proposta pontevedresa, que puido ser maior antes do descanso nun libre directo lateral que sacou Yelko atopando de novo a Brais, pero o seu potente testarazo sacouno milagrosamente o porteiro nunha intervención de moito mérito.

O inicio da segunda metade reforzou o guión da primeira, cun Pontevedra que buscaba completar a remontada e un Palencia Cristo Atlético que, cada vez máis, fiaba a súa sorte para tentar cazar unha opción á contra, a miúdo recorrendo ao xogo directo. De feito os granates tiveron unha oportunidade moi clara cando só transcorreran tres minutos, pero o remate de Álex González estrelouse nas costas dun defensor.

Probouno pouco despois Rubio desde a frontal forzando a estirada de Guille. O 14 dos granates, moi participativo todo o encontro, converteríase en protagonista aos 58 minutos conseguindo o 2-1. Brais poñía un centro desde a esquerda, Charles trataba de rematar ao primeiro pau coa oposición do porteiro e o interior aproveitaba o balón solto na área para marcar.

Por detrás no marcador non quedaba outra ao Palencia que estirar liñas e irse arriba, convertendo o choque nun pequeno  correcalles debido ao esforzo que empezaban a pagar os futbolistas sobre un céspede brando pola auga caída. Os visitantes atoparon así unha boa ocasión no 62 nun remate de cabeza de  Adri a centro de Iker que se foi demasiado cruzado, pero Ángel Rodríguez reaccionou movendo o banco para introducir homes frescos na medular e evitar os apuros.

Só o apertado do marcador poñía picante e mantiña a tensión, ata que Charles forzou un penalti e Brais Abelenda fixo o terceiro desde os 11 metros, a oito minutos do final. Aí acabou a historia dun partido que se pechou cun tanto máis de Charles no desconto e que permite ao Pontevedra manter a súa boa serie (seis vitorias seguidas), manténdose a 5 puntos da cabeza ao termo da primeira volta da liga.

PONTEVEDRA CF (4): Álvaro Cortés, Seoane, David Soto, Churre (Samu Santos, min.84), Samu Araújo (Romay, min.69), Miguel Román (Javi Rey, min.69), Yelko Pino (Iñaki, min.84), Álex González, Alberto Rubio (Martín Diz, min.74) , Brais Abelenda, Charles.

CD PALENCIA CRISTO ATLÉTICO (1): Guille, Silva, Morante, Josua (Raúl, min.66), Álvaro, Diego, Adri, Iker (Moreno, min.66), Javi Bueno (Manu, min.66), Rafa (Vivito, min.54), Obispo.

Árbitro: Alexandre González González, auxiliado nas bandas por Adrián San Antonio e Dalian Fananu (Tenerife). Amoestou a Miguel Román e Romay no Pontevedra e a Morante no Cristo Atlético. Expulsou ao adestrador de porteiros do Pontevedra, Moncho, por protestar (min.31).

Goles: 0-1 Álvaro (min.27); 1-1 Brais Abelenda (min.35); 2-1 Rubio (min.58); 3-1 Brais Abelenda, de penalti (min.83); 4-1 Charles (min.92).

Incidencias: Partido da xornada 17 de liga no Grupo I da Segunda RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón de Pontevedra ante ao redor de 1.500 espectadores.