Chega un dos eventos deportivos máis esperados do ano en Pontevedra. A edición número 41 da carreira popular de San Silvestre empeza a tomar forma. Desde este xoves, os participantes xa poden realizar as inscricións e retirar os dorsais.
Este trámite, que fixeron xa máis dunha trintena de persoas nas primeiras horas do prazo, pódese realizar na tenda MILER (rúa Peregrina 6, soto, Pontevedra) até o vindeiro venres 27 de decembro, a excepción do día 25.
Para os máis tardíos haberá unha segunda quenda, entre o sábado 28 e o luns 30 de decembro, de 10:30 a 13:30 e de 17:30 a 20:30 horas, na rúa Castelao 3, baixo.
Xa o domingo 29 e o propio día 31, a entrega de dorsais só se realizará en horario matinal.
A carreira, que conta cun cartel deseñado por Berto Tojo, ten carácter social e colabora co Banco de Alimentos, onde se destinará o quilo de alimentos non perecedoiros que deberá entregar cada participante para inscribirse e recoller o dorsal.
Nesta ocasión, a saída da carreira de San Silvestre será na Avenida Raíña Vitoria, ás cinco da tarde, mentres que a chegada será, como é habitual, na Avenida Montero Ríos tras un percorrido duns 4 quilómetros en total.
Así, tras saír de Raíña Vitoria, os participantes pasarán por Antero Rubín, Iglesias Vilarelle, Alcalde Hevia, Augusto García Sánchez, Praza de Galicia, Andrés Mellado, Peregrina ou Rúa Real.
A partir de aí, continuarán por Serra, Pai Amoedo, Bos Aires, Uruguai, Galera, Arcebispo Malvar, Praza de España, Michelena, Gutiérrez Mellado e o parque das Palmeiras antes de concluír en Montero Ríos.
Como é tradición, os participantes poderán completar a proba a pé ou facelo en bicicleta, carriños, cadeiras de rodas, patinetes e mesmo acompañado de animais de compañía, e a organización anima a acudir disfrazados para darlle un maior ambiente.