Récord de participación na terceira xornada de liga galega infantil de boxeo celebrada en Marín

Marín
03 de marzo 2020

O Team Thunder triunfou no medalleiro e xa prepara o seu asalto á Copa Galicia que tamén terá ao municipio marinense como sede

Participantes da terceira xornada da liga galega infantil de boxeo celebrada no colexio San Narciso de Marín Team Thunder

O colexio San Narciso de Marín foi escenario a pasada fin de semana da terceira xornada da liga galega de boxeo infantil na que se bateron todos os récords de participación. Máis de 170 nenos e nenas maiores de tres anos foron os protagonistas dunha competición de formas organizada polo Team Thunder e supervisada pola Federación Galega de Boxeo.

Probas de corda, sombra, saco e manoplas foron as que tiveron que superar os participantes para establecer unha clasificación final na que a orde non era o importante senón o feito de que, apuntan desde a organización, esta disciplina "por fin está ben vista, o boxeo xa é un deporte máis e nenos e adultos poden practicalo sen risco e mesmo competir con normalidade", destacan.

Entre os xuíces que ditaminaron os gañadores da xornada atopábase, chegado desde México, o doutor do Consello Mundial de Boxeo, Rodrigo Damián Merlo, quen destacou o bo nivel da canteira galega.

O club marinense foi o que maior número de participantes achegou cun total de 40 deportistas. No medalleiro, destacou Martín Grandío, Kiko Castro e Eloy Barcia ao conseguir cada un unha medalla de ouro. As pratas leváronllas Pablo Lubián, Karl Bartolke e Yohana Jiménez; mentres que o bronce foi para Sofía Soto e tamén Karl Bartolke.

O Team Thunder comeza agora a preparación do evento boxeístico do ano no municipio, a terceira edición da Copa Galicia de Boxeo. Unha competición na que haberá catro superfights, sete combates de copa contra a selección de Biscaia e un combate profesional contra o vigues Kike Rayito García.