Récord de inscricións para a décima edición do Trail de Cela

Bueu
19 de xaneiro 2024

O Trail de Cela chega este domingo 21 de xaneiro á súa décima edición coa participación de 558 persoas, todo un récord que confirma o crecemento da proba ano tras ano  

Presentación da X edición do Trail de Cela Concello de Bueu

O Trail de Cela chega este domingo 21 de xaneiro á súa décima edición coa participación de 558 persoas, todo un récord que confirma o crecemento da proba ano tras ano.

A novidade nesta ocasión será que a proba contará por primeira vez cunha maratón de 42 quilómetros, que se suma desta forma ao trail de 24 quilómetros e a andaina de 16. Todas elas son de carácter popular e non é necesario posuír licenza federativa.

Todas elas tomarán a saída na zona do Igrexario da parroquia de Cela, en Bueu, de maneira graduada.

Desta forma, a maratón dará o pistoletazo de saída ás 8:00 horas e partirá dirección Ermelo, percorrerá os montes de Bueu, Moaña, Cangas e Marín ata volver ao momento de partida. No caso do trail, comezará a partir das 10:00 horas e percorrerá os montes de Bueu, mentres que a andaina sairá ás 10:05, chegará ata a Cruz de Ermelo e dará a volta, igual que as outras dúas probas, ata chegar de novo á zona do Igrexario de Cela.

O evento foi presentado este venres en Bueu por Ricardo Verde, concelleiro de deportes e presidente do Club Corredoiras; Carmen García, concelleira de cultura; e María García, integrante do colectivo organizador.