Recomendan "repouso deportivo" a Rufo tras sentir indisposto nos minutos finais do Pontevedra-Cayón

Pontevedra
07 de febreiro 2024

"Valorarase a súa incorporación ao grupo en función da evolución e o resultado dos controis médicos que serán practicados nos próximos días", sinala o parte médico emitido este mércores polo Pontevedra

Rufo, atendido sobre o céspede de Pasarón tras sentir indisposto durante o Pontevedra-Cayón Cristina Saiz

Rufo deu o susto no Pontevedra Club de Fútbol tras sentirse indisposto nos minutos finais do partido entre os granate e o Cayón en Pasarón.

O que desde o exterior parecía unha intervención sen moita relevancia, posto que o xogador puido completar os instantes finais do choque, supuxo en realidade un serio aviso para o dianteiro.

Segundo sinala o parte médico emitido este mércores pola entidade granate Rufo "referiu molestias torácicas e indisposición momentánea", aínda que tras a primeira atención sobre o céspede "á finalización do encontro non refería alteración clínica".

Con todo por precaución o futbolista do Pontevedra foi sometido posteriormente a un estudo médico no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez, realizándoselle diversas probas e sendo dado despois de alta hospitalaria.

Tras esas probas, informan os servizos médicos do club, recomendouse a Rufo "repouso deportivo" e que siga un control médico. Por todo iso "valorarase a súa incorporación ao grupo, en función da evolución, e o resultado dos controis médicos que serán practicados nos próximos días".

Unha situación que complica e moito a presenza do pichichi granate polo menos a próxima xornada do campionato, co desprazamento a Guijuelo, aínda que non está descartado por completo.