Recital defensivo e terceira vitoria consecutiva do Cisne fronte o Villa de Aranda (35-20)

Pontevedra
09 de outubro 2021

Suma e segue o Club Cisne Balonmán, que se fixo este sábado a súa terceira vitoria consecutiva despois de derrotar ao Villa de Aranda cun contundente 35-20. Tras unha primeira metade dos máis igualada, os xogadores de Jabato saíron dos vestiarios para dar un recital defensivo, converténdose nun pesadelo para o ataque arandino, que estivo máis de trece minutos sen ver porta

Partido de División Honra Prata entre Cisne e Villa de Aranda no Pavillón Municipal
Partido de División Honra Prata entre Cisne e Villa de Aranda no Pavillón Municipal Cristina Saiz

Suma e segue o Club Cisne Balonmán, que se fixo este sábado a súa terceira vitoria consecutiva despois de derrotar ao Villa de Aranda cun contundente 35-20.

Tras unha primeira metade dos máis igualada, os xogadores de Jabato saíron dos vestiarios para dar un recital defensivo, converténdose nun pesadelo para o ataque arandino, que estivo máis de trece minutos sen ver porta. 

Empezou costa arriba o Cisne, que se vía aos tres minutos de xogo dous goles por baixo do seu rival (1-3). Pero a efectividade en ataque de Chan e a forte defensa realizada na posterior chegada do Villa de Aranda, provocou o roubo de balón cisneísta e Álvaro Prezado encargouse de devolver as táboas.

Os de Jabato deixaron a inseguridade do inicio ao carón e empezaron a xogar mellor as súas cartas, colocándose no minuto seis co marcador a favor por primeira vez no que ía de partido (minuto 6, 5-4). E seguiu facendo das súas o equipo pontevedrés, que aplicou unha marcha máis para poñer contra as cordas a un Villa de Aranda que debía centrarse para reverter a situación. Parou o tempo o técnico visitante pero foi a zaga cisneísta a que truncou as opcións de reducir a distancia rival, sobre todo cando Carlos Álvarez, tras un bo contragolpe, anotou o 8-5 para os brancos.

E cando mellor estaban a xogar os locais, apareceron Pavle Banduka, Mikita Lashchakou e Nico López para endosar un parcial de 0-3 que, unha vez máis, devolvía a igualdade a un partido que estaba a ser vibrante pero no que se estaban cometendo demasiadas imprecisións.

Así, cada vez que o Cisne tentaba impoñer o seu ritmo, enseguida o Villa de Aranda neutralizábao evitando en todo momento que se afastase en máis de dous goles. Mesmo cando quedaban 5 minutos de primeira metade, os locais non foron capaces de administrar esa renda e foron os de Burgos os que igualaron 16-16.

Pero, a falta de 5 segundos para o descanso, Bruno Vázquez anotou para dar a vantaxe ao seu equipo aínda que deixando todo por decidir nos seguintes 30 minutos (17-16).

Saíu dos vestiarios moito máis enchufado o Cisne cun parcial de 2-0 no primeiros tres minutos tras a continuación (19-16), vantaxe que se mantivo ata o minuto 7, cando os xogadores de Jabato, esta vez si, demostraron de que estaban feitos para facer sufrir de verdade a un Villa de Aranda moi precipitado e víase na necesidade de parar o tempo cando o 21-17 lucía no marcador do Pavillón Municipal.

Arroupados pola súa afección continuaron co seu bo facer os locais, que facían máis profunda a ferida no seu rival co paso dos minutos. Sobre todo cando as imprecisións dos de Burgos ían en aumento ao non poder penetrar no muro no que se converteu a defensa branca e, baixo paus, como non, Jorge Villamarín, que pasara desapercibido na primeira metade, apareceu para facer das súas.

Trece minutos levaba sen marcar o Villa de Aranda, mentres o Cisne colocouse cunha vantaxe que chegou a ser de once goles e que deixaba sentenciado o duelo (minuto 22, 29-19).

Xa nos últimos compases, os de Burgos, tocados animicamente, deixáronse ir, a diferenza dos pontevedreses, que mantiveron a intensidade en todo momento dando un recital tanto ofensivo como defensivo que se traduciu nun contundente 35-20.