Recital de cartóns e remontada do Pontevedra (1-3) ao Valladolid B nunha gran segunda parte

Pontevedra
12 de decembro 2015

Nunha segunda intensa e emocionante, o Pontevedra remontou en apenas seis minutos con goles de Campillo e Queijeiro, e logo aproveitou a inferioridade numérica do seu rival, que terminaría con dous expulsados, sentenciando no desconto por medio de Kevin Presa

Partido entre Real Valladolid B e Pontevedra no Anexo Zorrilla PontevedraViva

Remontada granate nun partido con dúas partes ben distintas. Unha primeira eslamiada e aburrida, sen xogo nin apenas ocasións, que resolvería o filial pucelano cun gol a balón parado en descoido defensivo visitante, e unha segunda intensa e emocionante, cun Pontevedra que remontou en apenas seis minutos con goles de Campillo e Queijeiro, e logo aproveitou a inferioridade numérica do seu rival, que terminaría con dous expulsados, sentenciando no desconto por medio de Kevin Presa.

Se as baixas lastraban ao equipo de Luisito, sobre o campo esas ausencias non se deixaron sentir, xa que os homes que ocuparon as súas prazas renderon a un gran nivel. De saída, Capi volvía ao once titular para suplir a baixa de Pablo. Queijeiro tomaba o mando na zona ancha, en lugar de Álex Fernández, mentres Mouriño volvía igualmente tras cumprir sanción, para substituír a Jacobo. Ademais, Anxo ocupaba a banda por un Jandrín que viaxou entre algodóns, aínda que logo dispoñería de minutos.

Os pontevedreses sufrían no primeiro cuarto de hora, máis pola "velocidade" arbitral á hora de sacar cartóns nun partido limpo, que logo se cebaría cos locais, que polo xogo do Valladolid B. Kevin Presa e Queijeiro vían o cartón amarelo antes dese minuto 15, o que lles obrigaba a medir as súas accións.

O frío e a néboa, que aos poucos ía caendo sobre o Anexo Zorrilla, parecía afectar as ideas dos xogadores, que unicamente a balón parado buscaban a meta contraria. A iniciativa era lixeiramente local pero sen conseguir crear perigo, ata que cando xa parecía que o descanso chegaría sen goles, na última xogada un corner lanzado por Jose remátao de cabeza Arroyo, anticipándose a Campillo, nun dos escasos descoidos defensivos visitantes.

Pero se o primeiro tempo tivo pouco interese, os comezos do segundos foron diametralmente opostos. Campillo refacíase do seu erro anterior para conseguir o empate nada máis comezar, tamén froito dunha acción a balón parado rematando de cabeza unha falta lanzada por Mouriño, e Queijeiro daba a volta ao marcador (minuto 51), ao aproveitar un balón solto na área local.

Entre ambas as accións, o Valladolid puido conseguir tamén o seu segundo gol en dúas ocasións. Unha a salva Edu, sacando unha excelente man, e a outra a evita baixo paus Capi, con Edu batido.

Sete minutos máis tarde os pucelanos quedaban en inferioridade ao ser expulsado Renzo Zambrano por dobre amoestación, o que aproveitou o Pontevedra que deu entrada a Pedro García, para tentar facerse co control da zona ancha, ata entón en poder do Valladolid B. Máis aínda cando no minuto 78 Mayoral, que entrara pouco antes no terreo, tamén ve dúas amarelas en escasos minutos, deixando ao seu equipo con nove homes.

Os granates redondearon a súa excelente segunda parte co terceiro gol de Kevin Presa, xa no tempo de desconto ao culminar un contragolpe, conseguindo tres puntos que lles meten de novo provisionalmente nos postos de play-off, alcanzando a cifra de 30 puntos a falta aínda de dous partidos para pechar unha primeira volta magnífica.

REAL VALLADOLID B (1): Julio; Deve (Adrián, minuto 87), Arroyo, Iván Casado, Royo; Anuar, Mario; Renzo Zambrano, Jose, Toni (Mayoral, minuto 65); e Caye Quintana (Dani Vega, minuto 63).

PONTEVEDRA CF (3): Edu; Adrián, Campillo, Capi, Verdú; Kevin Presa, Queijeiro; Anxo (Pedro García, minuto 59), Pablo Carnero (Jandrín, minuto 66), Mouriño; e Borjas (Tubo, minuto 89).

Árbitro: David Recio Moreno (Navarra), auxiliado nas bandas por Unai Cornago Díaz e David Pérez García. Expulsou por dobre amoestación aos xogadores locais Renzo Zambrano (minuto 58) e Mayoral (minuto 83). Amoestou a Julio, Arroyo, Anuar, Mario e ao adestrador Borja Jiménez, polo Valladolid B, e a Quejeiro, Kevin Presa, Capi, Verdú, Mouriño, Pedro García e Jandrín, polo Pontevedra.

Goles: (1-0) Minuto 45: Arroyo. (1-1) Minuto 46: Campillo. (1-2) Minuto 51: Queijeiro. (1-3) Minuto 91: Kevin Presa.

Incidencias: Anexos do José Zorrilla (Valladolid). Uns 300 espectadores, deixándose notar a presenza de preto de medio centenar de seguidores galegos.