Recepción provincial a deportistas do Club Galaico Sincro

Pontevedra
19 de abril 2022

A dirección do club pontevedrés, corpo técnico e deportistas foron recibidos este martes no Pazo Provincial da Deputación

Recepción ao Club Galaico Sincro na Deputación de Pontevedra Deputación de Pontevedra

O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este martes unha recepción ao Club Galaico Sincro tras a recente participación de deportistas do club nos campionatos de España de inverno de natación artística das categorías alevín, infantil e júnior.

Ademais de varias deportistas acudiron á cita o presidente do club, José Maquieira, as adestradoras María Jesús Refojo e Diana Fernández e varios familiares.

A deputada provincial Ana Laura Iglesias destacou a participación na categoría alevín de Clara Maquieira, Carolina Pazos e Iván González, cuxa presenza asegura pon de manifesto que "este é un deporte inclusivo e non só de mulleres". Tamén se referiu a Daniela Suárez, en idade infantil, incluída no plan de tecnificación da Federación Española co obxectivo de competir no Europeo e o Mundial da súa categoría no que "vai facer un  grandísimo papel".

Ademais o Galaico Sincro participou no Campionato de España na categoría júnior con María Maquieira, Uxía Saavedra e Juan David Hernández.