Recepción na Subdelegación do Goberno a Daniela Suárez, a nadadora máis laureada da sincronizada en Galicia

Pontevedra
30 de agosto 2022

Con só 13 anos, a prometedora deportista xa é a primeira nadadora galega en conseguir unha medalla nun campionato do mundo

Maica Larriba recibe a Daniela Suárez polos seus éxitos no europeo e o mundial de natación sincronizada Cristina Saiz

A prometedora nadadora pontevedresa do Club Galaico Sincro, Daniela Suárez, recibiu as felicitacións da subdelegada do Goberno, Maica Larriba, polas cinco medallas conseguidas coa Selección Española de natación sincronizada infantil nos campionatos de Europa e do mundo.

"Daniela é unha nena moi alegre e un orgullo para Pontevedra e Galicia porque é a nadadora máis premiada de toda a historia do deporte da natación en Galicia", declarou a mandataria tras o encontro coa nova deportista. "Ten as ideas moi claras, quere chegar a un centro de alto rendemento e compaxinar o deporte cos seus estudos, que apuntan cara o ámbito da comunicación", engadiu a socialista. 

A nadadora do Galaico Sinco conseguiu no europeo celebrado en Francia un ouro en rutina libre, unha prata en combinada e un bronce en dúo mixto. Ademais, no mundial de Estados Unidos fíxose co ouro en rutina libre e a prata en combinada. Uns resultados que a converten na primeira nadadora galega en recibir unha medalla nun campionato do mundo e na nadadora máis laureada do panorama galego. 

"Foron das miñas mellores experiencias, gústame moito representar a Pontevedra e que me apoie toda a xente", declarou moi contenta Daniela Suárez tras recibir un obsequio por parte de Maica Larriba. 

O éxito é froito dun duro traballo. "Adestro unhas sete horas á semana, pero coa selección adestrabamos oito ou nova", puntualiza esta deportista de só 13 anos.

A pesar da súa xuventude ten as ideas moi claras. "Quero seguir na sincro e chegar a alto rendemento. Pero tamén me gustaría chegar a ser xornalista", explica sobre as súas aspiracións deportivas e académicas.

Na piscina, as súas rutinas favoritas son as do "equipo libre e o combinado", conclúe.