A designación de Pontevedra como sede da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon en 2023 foi acollida con emoción polos afeccionados deste deporte pero tamén por responsables da organización e polas figuras locais e nacionais do tríatlon.
"Unha utopía, cando no 2008 iniciouse a aventura, feita realidade no 2021", sinalaba a través da súa conta de twitter o responsable do Servizo Municipal de Deportes, Jaime Agulló.
Tamén dous campións mundiais como Javier Gómez Noya e Pablo Dapena celebraban a nova, recoñecendo o primeiro que "Pontevedra demostrou ser máis que merecedora de albergar esa Gran Final" e sinalando o segundo que "os soños fanse realidade".
Pola súa banda Susana Rodríguez, medallista paralímpica en Tokyo e viguesa de nacemento eloxia á Boa Vila por ser "pequena de tamaño comparada con outras sedes, pero que cidade tan grande".
Son só algunhas das mostras que asolagaron as redes sociais en relación a unha noticia moi esperada e que supoñerá organizar en Pontevedra o gran evento anual do tríatlon mundial con repercusión nos cinco continentes. Todo un reto para o que a cidade preparouse a conciencia ao longo dos últimos anos.