O Pontevedra iniciará na segunda quincena do mes de agosto o camiño cara á súa terceira Copa Federación que inclúe tamén o premio de participar na próxima edición da Copa do Rei.
Para logralo, os de Yago Iglesias deben, en primeiro lugar, acabar campións da fase autonómica e logo chegar polo menos ata as semifinais da fase nacional. En total, os granates deberán superar un total de seis eliminatorias a partido único, tres da fase autonómica e outras tres da fase nacional para alcanzar a final a catro desta competición na que só participan clubs de categorías non profesionais e, de paso, gañarse o dereito para medirse a un rival de Primeira División na primeira rolda da Copa do Rei.
O sorteo celebrado este mércores na sede da Real Federación Galega de Fútbol incluíu 13 bólas no bombo correspondentes aos 13 equipos que se inscribiron na competición. De segunda Federación participan o Pontevedra, Coruxo, Ourense CF e Racing Villabés, mentres que de Terceira RFEF farano o Bergantiños, Rápido de Bouzas, UD Ourense, Somozas, Estradense, Paiosaco, Arzúa, Viveiro e Silva.
Os emparellamentos realizáronse seguindo criterios de proximidade xeográfica. O Pontevedra, que quedou exento da primeira eliminatoria, medirase a un dos outros dous equipos do sur da provincia que participan na competición: Rápido de Bouzas ou Coruxo, que medirán as súas forzas nunha data por determinar entre o 7 e o 13 de agosto.
No cruzamento de cuartos de final, que se celebrarán entre o 13 e o 20 de agosto, os granates exercerán de visitantes. Mentres que se avanzan a semifinais, xogarán como locais ante Ourense CF, UD Ourense, Estradense ou Arzúa.
A final, tamén a partido único, está prevista para o 30 de agosto.
Se o Pontevedra resulta gañador, pasará á fase nacional de Copa RFEF. Os granates iniciarían esta competición en dezaseisavos de final, prevista para o 27 de setembro. O sorteo realizarase seguindo tamén criterios de proximidade xeográfica e as eliminatorias resolveranse a partido único. A final a catro está programada para a fin de semana do 22 de novembro.