Non será un partido calquera, nin tampouco tres puntos máis. O choque entre Rápido de Bouzas e Pontevedra no Baltasar Pujales (domingo, 18:00 horas), poñerá en xogo tres puntos para alimentar a esperanza e ilusión dos locais ou para a tranquilidade case definitiva do equipo granate.
Quen consiga a vitoria terá dado un paso de xigante cara aos seus obxectivos desta tempada. Os de Jorge Otero, unha vez logrado o seu obxectivo inicial da permanencia, soñan con meter a cabeza entre os catro primeiros e acceder á cuarta praza que ocupa o Choco, da que o separan tan só dous puntos.
Certo é que nos seus tres últimos compromisos parecen ter perdido algo de terreo, despois de obter só un empate e dúas derrotas, pero tamén o é que, xunto co propio Pontevedra e o Deportivo B, é o equipo que menos derrotas acumula (só sete) en toda a liga, e que no seu feudo foi capaz de frear equipos como Choco e Cerceda, ao que fixeron encaixar un contundente 4-1, ou ao mesmo Deportivo B, que non puido pasar do empate, cunha boa dose de fortuna que se inclinou do lado herculino.
Por iso, para o conxunto local sumar os tres puntos significaría manterse na loita, neste apertado final de liga. En fronte estará un Pontevedra obrigado tamén a vencer se non quere verse metido en serios apuros para conservar o liderado, ante a presión do Deportivo B, que espera unha nova picada granate para achegarse a só tres puntos.
Os de Luisito saben que vencer supón unha boa dose de tranquilidade para as tres xornadas que restan, mantendo esa marxe de seis puntos polo menos sobre o seu perseguidor.
Por se eses alicientes fosen poucos, pódese engadir os numerosos xogadores que vestiron as camisetas de ambos os dous clubs, como son os casos de Sergio Ríos, Iago Paz, Gaby Misa, Lloves, Benja, Pablo Carnero, Tubo e Campillo, para quen enfrontarse aos que foron as súas cores sempre supón un plus de motivación.
O Rápido de Bouzas ten as baixas de Tomás Comesaña e Carlos Pereira. No Pontevedra non estarán Adrián, Fran Fandiño e Bruno, quedando fóra da lista Tomás e Centrón
Ambos os dous conxuntos afrontan o compromiso con baixas nas súas filas. Polos locais non estarán Tomás Comesaña e Carlos Pereira, dous dos seus xogadores referencia no ataque, sancionados. Os seus postos posiblemente ocúpenos Jacobo e Oki. No caso do Pontevedra as baixas son as de Adrián, Fran Fandiño e Bruno, todos eles por lesión.
Preocupa especialmente a baixa do capitán, que se perderá o que resta de liga regular para intentar estar listo para o play-off, o que obriga a Luisito a utilizar a Campillo como lateral, ou ben atrasar Tubo a esa posición.
Ademais dos lesionados, o técnico granate deixa fóra da convocatoria a Tomás e Centrón, polo que a lista de convocados para o partido a integran: Edu, Lloves, Campillo, Rubén Lobato, Pablo, Capi, Kevin Presa, Tubo, Álvaro Muñiz, Pablo Carnero, Mouriño, Jorge, Anxo, Benja, Pedro García e Jacobo.
O partido será dirixido polo colexiado Breogán Antón Martínez Vila (Ourense), auxiliado nas bandas por Avelino García Márquez e Marcos Fernández Fernández.