O Campionato Galego de Rally alcanza esta fin de semana o seu ecuador coa disputa do clásico Rally Sur do Condado. Unha proba na que o pontevedrés Alexis Viéitez tratará de seguir escalando posicións na xeral despois do seu bo papel no Rally de Pontevedra.
Un top 5 conseguido na casa que permitiu ao piloto de Cerdedo-Cotobade escalar ata o quinto posto da clasificación xeral do pilotos do campionato autonómico.
Esta fin de semana dispútase a quinta proba da competición na comarca do Sur do Condado. A carreira está integrada por 12 tramos cronometrados. A organización estima que o primeiro piloto en cruzar a meta de Salvaterra fágao pasadas as 22.30 horas desta noite de sábado.
Un dos aspirantes para conseguir o seu primeiro triunfo sobre o asfalto galego é o especialista da montaña Alexis Viéitez, que ao volante do seu Nissan Micra N5 confía en seguir mellorando o seu rendemento. "É un rally máis no noso proxecto, afrontámolo coa mesma mentalidade de sumar experiencia e desfrutar deste premio que é correr como bolseiros pola FGA. Na anterior proba foi ou meu rally da casa e nesta é a do meu copiloto, así que tentaremos facelo o mellor posible", declara o pontevedrés.
No que vai de tempada, Alexis Viéitez e o seu copiloto Cristian Álvarez lograron terminar tres dos catro rallys disputados, no da Mariña Lucense víronse obrigados a abandonar, pero aínda así marchan quintos na clasificación xeral.