Desde pequeno Cristian Fernández Nieto soubo que o seu era o deporte conta en PontevedraViva Radio, o que non tiña tan definido era se para practicalo el ou para ensinalo aos demais. E nesa dualidade está, estudando Ciencias da Actividade Física e do Deporte, desenvolvendo a súa traxectoria deportiva e adestrando a nenos do Club Natación Galaico. O Club no que comezou a practicar natación con seis anos e que sente como unha familia deportiva. Familia. Palabra fundamental e imprescible para 'Tianillo' Fernández Nieto.
O Mundial Multisport que albergou Pontevedra terá na súa biografía un apartado especial. Proclamábase campión do mundo de acuatlón no grupo de idade de 25 a 29 anos. A glicosa que absorvió durante a proba era en forma de aplausos e berros de ánimo dos seus amigos, a súa familia e os seus nenos, os que adestra no Galaico: "correndo ían as pernas soas". Así conseguiu o mellor tempo de todos os grupos de idade que competían.
Conta que era un neno enfermizo porque foi mal comedor "ata case os quince anos". Tamén di ser "de papel", non hai ano que non conclúa con algunha lesión, o última leste mesmo mes de maio, golpeouse contra o muro da piscina e abriuse a cabeza. Agora ten seis grampas de recordo. Non lle gusta perder nin adestrando. O que si lle gusta e agarda a súa última estrea é a saga de animación 'Toy Story'.
Persoa empática e resiliente "se te rendes non consegues nada, tes que seguir loitando e chegar ata o final". Non é de ter ídolos, pero si ten referentes; como Gómez Noya e Pablo Dapena ao que define como "unha persoa super constante, humilde, traballadora e que ten unha cabeza que non ten moita xente, por iso está onde está".
Cristian é de Poio, pero está inexorablemente vinculado a Pontevedra como queda patente na Playlist. Ten o seu parte 'festeira' e gózaa por exemplo nos concertos, na Feira Franca ou nos entroidos. Que non o vistes?, pois ollo á comparsa Os das Pistas.