Quique Domínguez non seguirá adestrando o Anaitasuna a próxima tempada

Pontevedra
09 de xaneiro 2025

O adestrador pontevedrés porá fin desta forma a cinco anos dirixindo o club navarro. Así o anunciou este xoves en rolda de prensa

Quique Domínguez, no partido de Asobal entre Cisne e Anaitasuna no Municipal Mónica Patxot

Con moita emoción. Así confirmou este xoves Quique Domínguez o final da súa etapa como adestrador do Anaitasuna navarro na Liga Asobal.

Non será de maneira inmediata, senón a final da presente campaña, poñendo así fin a cinco anos no equipo de Pamplona.

"Alguén agora decide que xa non é unha boa idea que eu siga sendo o adestrador deste equipo, e por moita rabia que me dea, e por moita pena que sinta, que é así, e por moito que sinta que teño moito que achegar aquí aínda, é a lei do adestrador,e é a lei da vida, así que toca admitilo, aceptalo e toca seguir", afirmou o técnico pontevedrés deixando entrever que a súa intención era continuar.

Durante estes anos Quique implantou a súa particular e vistosa visión do balonmán no Anaitasuna, dando importancia á canteira e cun estilo de xogo moi definido.

Na actual campaña Anaitasuna pelexa por evitar o descenso, chegando ao parón invernal na antepenúltima posición con 8 puntos.

O ex do Teucro recoñeceu ante os medios de comunicación que "foron cinco anos preciosos, e sentínme aquí moi feliz e moi ben acollido".

"Voume sendo moitísimo mellor adestrador, e creo que os meus cinco mellores anos como adestrador os dei aquí", afirmou.

Domínguez estivo acompañado do presidente do club navarro, José Manuel Narvaiz, quen explicou que "todo ten un principio e todo ten un final", asegurando que "hai finais que non queremos pero ás veces teñen que ser e creo que este é un deles".