Intensidade pero pouco fútbol e repartición de puntos que sabe mellor a un Racing conformista e defensivo fronte a un Pontevedra que dominou pero faltoulle pegada e especialmente fútbol para sacar proveito dese repregamento visitante, o que manteñen a ambos nesa serie negativa de xornadas sen saborear o triunfo e déixaos a unha distancia importante da zona nobre, nunha especie de perigosa terra de ninguén, á espera dos anhelados reforzos que o equipo de Pouso necesita para aspirar a metas maiores.
Pontevedra e Racing chegaban despois de tres partidos sen gañar (catro os ferroláns), coa imperiosa necesidade de sumar de tres en tres para non verse obrigados a deixar de mirar cara arriba e empezar a fixarse no retrovisor poñendo a súa mira nos postos de perigo, posiblemente por iso ningún quixo asumir riscos no partido, repartíndose os papeis que se supoñían lóxicos, cos granates exercendo de locais, tratando de levar a iniciativa, e os verdes replegados, á espera de montar unha contra ou aproveitar un erro do contrario.
Ambas as propostas non deron máis que para un aparente dominio local, pero unha comodidade defensiva visitante, cun Ferrol que non se vía esixido o máis mínimo e que mesmo protagonizaba os dous únicos e tímidos intentos ofensivos da primeira media hora, cun disparo de Marcos Álvarez, culminando unha rápida contra, sen moito ángulo, e un remate de cabeza de Garrido, nunha falta lateral, que non puxo en apertos a Edu.
Iso e o cambio obrigado no Racing por lesión de Adrián Armental, foi todo o que deu de si esa primeira media hora con poucas luces e moitísimas sombras,excesivo fútbol directo, como se deu en chamar agora ao feito de mandar balonazos arriba sen sentido para que os pelexe o dianteiro de quenda, case sempre sen éxito.
Ata que se uniu o talento, precisamente cando o reloxo marcaba o minuto 30. Pedro Vázquez conecta con Romay que cun toque sutil pon un centro medido á cabeza de Álvaro Bustos. Un pouco forzado, o remate do asturiano foi a dar na parte superior do traveseiro, con Chema superado.
Escasa bagaxe para unha primeira parte intensa pero non moi brillante, na que o Pontevedra foi lixeiramente mellor, pero na que o Racing deu a sensación de gardarse unha marcha máis, quizais pecando de exceso de prudencia.
A segunda parte empezou con susto para ambos os equipos. Avisou primeiro o Racing, cun disparo de Joselu desde a frontal que foi dar á cepa do poste. Javi Pazos deu a resposta ao quedar só diante de Chema, pero non puido superar ao meta visitante, que tapou ocos rexeitando co corpo.
Foi o comezo dun asedio granate, que agora si, comezou a traducir o seu dominio en ocasións, penalizados os de Carlos Pouso pola súa falta de acerto no remate.
Nacho López tivo a máis clara, pero o seu remate salvouno Fornos cando o balón entraba. Logo probou fortuna Sana desde a frontal, atopando a resposta de Chema, que rexeitou con apuros.
Subira a liña de presión considerablemente o Pontevedra e iso trouxo consigo que o Racing non fose capaz de saír co balón controlado nin conectar cos seus homes de arriba. Buscou solución ao problema do seu equipo Emilio Larraz dando entrada a Pablo Rey, aínda á conta de deixar a Joselu máis illado aínda, ao que respondeu Pouso ordenando a entrada de Adighibe. Todo seguiu igual, salvo polo feito de que a calidade de Pablo Rey cando recibía o balón era unha clara ameaza para as costas dos centrais granates.
Así foron pasando os minutos, cun Racing que claramente se conformaba co empate e un Pontevedra que quería e tentábao pero carecía de ideas para traducir o seu dominio non xa en goles, senón sequera en máis ocasións claras.
PONTEVEDRA C.F. (0): Edu; Nacho López, Víctor Vázquez, Jaouad, Pol Bueso; Sana, Álex Fernández; Pedro Vázquez (Adighibe, minuto 68), Romay, Álvaro Bustos; e Javi Pazos (Martín Diz, minuto 81).
RACING DE FERROL (0): Chema; Diego Seoane, Fornos, Garrido, Bruno Rivada; Javi Rey, Rodellar; Adrián Armental (Dani Abalo, minuto 27), Álex López (Juan Antonio, minuto 87), Marcos Álvarez (Pablo Rey, minuto 65); e Joselu.
Árbitro: Alberto Fuentes Martín (Cantabria), auxiliado nas bandas por Ángel Ramos Cinos e Diego Palencia Bolado. Amoestou a Romay, no Pontevedra, e a Álex López, Bruno Rivada e Fornos, no Racing de Ferrol.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 2.500 espectadores.