Que ninguén dea por morto ao Pontevedra de Juan Antonio Señor (3-1)

Pontevedra
18 de marzo 2023

Foi superior o Pontevedra na maior parte do encontro e, esta vez, non pecaron de falta de acerto e sentenciaron ao Linares en tan só 9 minutos. Tamén Cacharrón apareceu cando tiña que facelo e detivo o penalti que supoñería o 3-2, evitando así que os de azul cambiasen o rumbo e fixesen perigar a segunda vitoria consecutiva do equipo de Señor en Pasarón  

Partido entre Pontevedra - Linares en Pasarón Cristina Saiz

Que ninguén de por morto ao Pontevedra de Juan Antonio Señor, porque se de algo se caracteriza é pola súa intensidade á hora de xogar sen balón, xerar espazos, tentar chegar canto antes a portería rival e defender cando hai que facelo, porque o que ten claro o conxunto granate é que, a partir de agora, só vale gañar.

E iso foi o que demostrou o equipo de Lérez e o que se viu en Pasarón na tarde deste sábado ante o Linares Deportivo, un equipo ben plantado, coas ideas claras e disposto a loitar pola permanencia con uñas e dentes póñase quen se poña por diante.

Foi superior o Pontevedra na maior parte do encontro e, esta vez, non pecaron de falta de acerto e sentenciaron ao Linares en tan só 9 minutos. Tamén Cacharrón apareceu cando tiña que facelo e detivo o penalti que supoñería o 3-2, evitando así que os de azul cambiasen o rumbo e fixesen perigar a segunda vitoria consecutiva do equipo de Señor en Pasarón.

A primeira ocasión do Pontevedra chegou antes do minuto 2 cunha internada pola banda de Brais Abelenda, cedeu a liña de fondo a Alberto Rubio, pero o seu disparo foi moi frouxo. Tentouno xusto despois Miguel Román desde o frontal pero nesta ocasión o balón foise desviado por moi pouco. 

O Linares, pola súa banda, tiña aos 10 minutos o seu primeiro disparo entre os tres paus tras un bo roubo de Samu Corral a Borja Domínguez en tres cuartos de campo, buscou o tiro, pero Pablo Cacharrón atallou sen problemas.

E pouco tardou en chegar o primeiro gol para o Pontevedra. Buscou espazos o cadro granate, cambiou todo o que quixo dunha banda á outra e a defensa do Linares rexeitou o esférico directo aos pés de Álex González. O capitán buscou portería pero no seu camiño topouse con Charles que, á media volta, xutou e logrou bater a Samu Casado.

Prometía un partido feliz para os intereses granates, pero tan só tres minutos duroulles a alegría. Sacou de banda Seoane e enseguida recuperou o Linares, que rápido buscou en liña de fondo a Samu Corral para que enviase un pase da morte a Nacho Abeledo e anotase a porta baleira o 1-1.

Non lle valía un empate aos granates e Señor sacou a lousa para devolver a vantaxe ao seu equipo. Borja Domínguez sacou de esquina buscando a Miguel Román que se adiantou ao primeiro pau para cruzar o balón ao interior da rede de Casado e facer o 2-1.

Tres minutos máis tarde foi o Linares o que tivo a igualada, pero a xogada do 2-2 invalidouna o colexiado por fóra de xogo. E foi nese momento cando o partido cambiou por completo o seu guion. Charles combinou con Álex González e o capitán, cun potente zurdazo cruzado, bateu por terceira vez ao gardameta do Linares para poñer terra polo medio, levantar á afección dos seus asentos e, sobre todo, demostrar que ao Pontevedra 'Hai que roelo'.

Despois facer o 3-1 tivo Álex González unha nova oportunidade de anotar cunha volea desde fóra da área, Casado atallou en dous tempos e ata aí chegaron as ocasións nesta primeira metade para o Pontevedra que, froito dos nervios, empezou a precipitarse á hora de ter a posesión pero foi capaz de manter o resultado ata chegar ao descanso. Só Samu Corral fixo perigar os intereses do Pontevedra antes do intermedio, pero chegou algo forzado á xogada e o seu disparo foise centrado e directo ao corpo de Cacharrón.

Tras o paso polos vestiarios, as ideas de ambos os equipos mantivéronse, co Linares en busca de recortar diferenzas e cos granates de defender e sentenciar o partido á contra.

Pero non foi ata alcanzada a hora de xogo cando chegou a ocasión máis clara da segunda metade para os azuis. Fran Varela sacou unha falta lateral, Samu Corral rematou, pero o seu cabezazo foise por encima da portería granate.

E uns minutos máis tarde chegou a xogada que podía cambiar por completo o devir do encontro. Combinou dentro da área o Linares, recibiu Hugo Díaz e Miguel Román varreuno dentro da área. O colexiado pitou penalti, Lolo González decidiuse a tiralo e Cacharrón detívoo, evitando que o Linares metésese de cheo na pelexa polo partido.

Con todo, o que puido matalo de forma definitiva foi Bakero, que entrara xunto con Masogo en lugar de Charles e Rubio, gañou a partida a Lolo, plantouse diante do porteiro, pero o seu disparo foise demasiado cruzado. Corría o minuto 75. 

Soubo xogar as súas cartas a partir de aí equipo de Juan Antonio Señor, tentando saír ao contragolpe e defendendo como debía facelo para certificar o segundo triunfo consecutivo en Pasarón e seguir crendo na permanencia.

PONTEVEDRA CF (3): Pablo Cacharrón, Ángel Bastos, Churre, Miguel Román, David Soto, Álex González (Derik Osede, min 92), Brais Abelenda (Martín Diz, min. 87), Alberto Rubio (Bakero, min. 65), Charles (Masogo, min. 65), Borja Domínguez e Seoane.

LINARES DEPORTIVO (1): Samuel Casado, Fran Varela, Lolo González, Rodri, Fermín Marín (Alfonso Candelas, min. 70), Samu Corral, Javi Duarte (Eduard Campadabal, min. 45), Jose Caro, Abeledo (Miguel Carrillo, min. 80), Francisco Canellón (Álvaro Arnedo, min. 70) e Alejandro San Cristóbal (Hugo Díaz, min. 57).

Goles: 1-0, Charles, min 14. 1-1, Nacho Abeledo, min. 17. 2-1, Miguel Román, min. 22. 3-1, Álex González, min. 25.

Incidencias: Partido correspondente á 28 xornada do Grupo I de Primeira Federación disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante aproximadamente 1.500 espectadores.