O pasado mes de maio o San Pablo Burgos apartaba do soño do ascenso o Cisne nas semifinais do play-off. Tampouco subiría finalmente o conxunto burgalés.
Case sete meses despois, e nun contexto moi diferente, o equipo pontevedrés estivo preto de tomar o desquite sumando finalmente un punto (25-25) de mérito e valioso para tentar afastarse da zona de descenso.
Hai que lembrar que chegaba o Burgos como colíder da División de Honra Prata con 18 puntos, polos 10 do cadro cisneísta, pero iso pouco importou en canto empezou o duelo, cos de Quiños protagonizando un gran inicio, cun parcial ao seu favor de 4-0.
O ataque visitante atascábase, e por riba quedaba sen o seu gardameta Elcio Carvalho, descualificado.
Tardou seis minutos en anotar o San Pablo (4-1), que aos poucos foi collendo o ton e poñendo en máis problemas os locais, dificultando moitos as súas accións ofensivas.
Aínda así até o ecuador do primeiro acto a cor do partido era branco cun claro 8-4, e foi entón cando as distancias empezaron a acurtarse para chegar ao descanso cun fecheiro 11-10.
Esa igualdade mantívose ao comezo do segundo parcial, con vantaxes mínimas para o Cisne que eran neutralizadas polos visitantes.
Chegou a mandar por dous o equipo local (17-15), pero o Burgos tamén se puxo por diante por primeira vez no partido (19-21) cada vez máis preto dos minutos decisivos.
O duelo podía caer de calquera dos dous lados. Era un cara ou cruz como xa lle pasou noutras ocasións esta tempada ao Cisne.
Alberto Delgado desde a posición de pivote colocaba un 25-24 que facía soñar co triunfo a 1:15 do final, pero empataba o San Pablo na seguinte acción para entrar en táboas no último minuto.
Quiños pediu tempo morto pero non logrou que os seus anotasen un ataque que podía darlles os puntos. Furtado fallou un lanzamento forzado ameazado de pasivo polos árbitros.
Quedaba unha última bala para o rival, pero esta vez defendéronse ben os últimos segundos amarrarando un empate que a finald e tempada pode acabar valendo o seu peso en ouro.