Protagonismo do Froiz na Selección Galega que participará no Campionato de España de Ciclismo en Ruta

Pontevedra
19 de xuño 2019

Cinco dos nove ciclistas convocados polo seleccionador galego sub-23 pertencen á escuadra alimenticia. O Nacional disputarase do 28 ao 30 de xuño en Murcia

Concentración de pretempada do Froiz 2019 PontevedraViva

O Campionato de España de Ciclismo en Ruta Elite e Sub-23, que se celebrará entre o 28 e o 30 de xuño en Murcia, é un dos próximos obxectivos do Grupo Deportivo Supermercados Froiz.

A escuadra alimenticia será a máis representada na Selección Galega Sub-23 que participará na proba en liña do sábado día 29, con 161 quilómetros de percorrido desde Oropesa do Mar a Culla.

Atendendo ao ranking nacional, Galicia competirá con nove corredores, entre os que se atopan Guillermo García, Aarón Mariño, Abel Franco, Adrián Barros e José Carlos Amil, do Froiz, ademais de dous ex do equipo como Alejandro Regueiro (Kometa Cycling) e Martín Bouzas (Lizarte) xunto a Raúl González (Cortizo) e Iván Feijóo (Maceda).

A competición arrincará con todo coa proba contrarreloxo, o venres 28 de xuño, con tres corredores galegos en liza.

GRAN PREMIO ABIMOTA

Antes do Campionato de España, o Froiz afronta outra cita importante en Portugal, o Gran Premio Abimota no que compartirá pelotón con equipos profesionais.

Trátase dunha proba con tres xornadas a partir deste xoves 20 de xuño que comezará cunha contrarreloxo e que contará cun esixente percorrido nas súas dúas etapas en liña.

Defenderán ao conxunto pontevedrés en terras lusas: Iván Martínez, Jesús Arozamena, Diego Noriega, Martín Lestido, Abel Franco e Aitor Bugarín.