O Pontevedra Club de Fútbol despexou este mércores unha das dúbidas que tiñan os seus afeccionados no tramo final de ano, o prezo e condicións das entradas para a segunda rolda da Copa do Rei que medirá o conxunto granate co Tenerife de Segunda División o vindeiro mércores 21 de decembro (21.00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón.
O club granate puxo esta vez da súa parte para que o estadio pontevedrés viva unha xornada de bo ambiente nas súas bancadas, con promocións para os acompañantes de socios e entradas de balde para todos os menores de 16 anos.
Tampouco pasarán por despacho de billetes os socios da entidade, tal e como se especificou no lanzamento da campaña de abonados a principios de tempada.
En canto ás entradas xerais, serán as habituais para o público adulto con 25 euros en Tribuna, 20 euros en Preferencia e 15 euros nos fondos. Con todo cada socio poderá retirar dúas entradas a metade de prezo para acompañantes.
En canto aos menores de idade, ata os 16 anos, contarán con entrada gratuíta sen necesidade de retirar entrada, ensinando o DNI na porta de acceso. Será así coa única excepción dos afeccionados de 7 a 16 anos que acudan a Tribuna, e que deberán pagar 15 euros. En cambio os menores de entre 16 e 18 anos deberán pagar como un adulto.
As entradas, ademais de en a web do Pontevedra, poden adquirirse nas oficinas de Pasarón de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas ou nos despachos de billetes do estadio o día do partido desde as 20.00 horas.