O Poio Pescamar atópase ante un momento importante da tempada, no que se verá por que obxectivos poderá pelexar finalmente.
Despois dun inicio de liga complicado, no que se deixou puntos no camiño, a derrota da última semana ante o Ourense Envialia pechou unha fase na que se enfrontou a todos os equipos da zona alta, os dous clubs que xunto a Ourense encabezan sen fallo a clasificación, como son Burela e Atlético Navalcarnero todos eles con 24 puntos, ademais do Alcorcón (21 puntos).
Precisamente o cadro madrileño ocupa a última praza dun play-off que a principio de curso aparecía como unha aspiración. Agora, coas xogadoras adestradas por Raúl Jiménez sextas con 13 puntos, iníciase unha etapa do calendario a priori máis alcanzable, empezando polo duelo deste sábado (18:30 horas) no pavillón da Seca ante o Móstoles, noveno clasificado.
Despois chegarán os partidos contra Majadahonda (13º) fóra, Cidade das Burgas (15º) na casa, Leganés (11º) a domicilio e Xaloc Alacant (16º) en Poio. Toda unha oportunidade para enlazar unha serie positiva de resultados e volver engancharse aos postos de honra.
O plantel vermello tentará ademais contra o Móstoles, rival que chega a Poio despois de encadear tres xornadas sen perder, dedicarlle unha vitoria á súa compañeira Antía Pérez, despois de confirmarse que se perderá o que resta de tempada por lesión.