Primeiros pasos do Froiz na planificación da tempada 2023

Pontevedra
03 de novembro 2022

O club pontevedrés comezou a planificación da tempada 2023 coa renovación de varios dos seus ciclistas e unha fichaxe

Alejandro Gomiz, na presentación do GD Supermercados Froiz 2022 Mónica Patxot

A tempada de ciclismo en estrada finalizou, pero non hai tempo para o descanso no Grupo Deportivo Supermercados Froiz, que xa se puxo ao choio na planificación do curso 2023.

O conxunto pontevedrés, tras un ano na que quedou afastado dos seus obxectivos finalizando no noveno posto do ranking nacional, deberá reinventarse un inverno máis.

Nese obxectivo o primeiro paso que deu é a renovación de varios dos seus ciclistas e unha fichaxe.

En concreto son seis os homes que seguirán un ano máis defendendo as cores do Froiz. Alejandro Gomiz seguirá como un dos xefe de filas da escuadra, secundado por Raúl Casalderrey, Miguel Rodríguez, José Autran, Gonzalo Inguanzo e Rubén Fandiño.

En canto á primeira incorporación é a de Daniel Jiménez, corredor que xa defendeu ao Froiz na pasada Volta Galicia pero que agora se compromete para toda a tempada.