Primeiros pasos da tempada para o Club Aromon Pontevedra nas ligas de orientación

Pontevedra
09 de febreiro 2017

Unha representación do club pontevedrés tomou parte en Santa Pola, Alacante, na primeira xornada Liga Española de Orientación 2017, mentres outros deportistas do club participaron no Portugal City Race

Deportistas do Club Aromon Pontevedra na Portugal City Race de Esposende Club Aromon Pontevedra

A tempada de competición empeza a deixar os primeiros bos resultados para o Club Aromon Pontevedra, que acudiu a pasada fin de semana á primeira proba da Liga Española de Orientación 2017.

Foi na localidade alacantina de Santa Pola, onde se celebrou o Trofeo Costa Blanca e onde estiveron presentes catro orientadores do club pontevedrés entre os 1.042 participantes de 15 nacionalidades.

Na carreira de media distancia, valedoira para o ránking mundial, Alfonso Rosado e Ricardo Figueroa obtiveron un meritorio duodécimo posto nas súas respectivas categorías, M-35 e M-40. Pola súa banda na proba de longa distancia Ricardo Figueroa finalizou décimo terceiro.

PORTUGAL CITY RACE

Tamén tivo representación o Aromon na primeira das 13 carreiras que compoñen o circuíto Portugal City Race, no país veciño.

A proba desenvolveuse pola cidade costeira de Esposende e os percorridos oscilaron desde o 1,8km nas categorías inferiores ata o 7,1km na categoría senior masculina.

Á cita acudiron sete representantes do club, destacando a actuación de Ángel Soto, segundo na categoría senior, e de Luisa Sánchez, terceira en veteranos-2.