A incerteza segue rodeando ao comezo da Liga Asobal, co Club Cisne á espera de acontecementos mentres se exercita en desigualdade de condicións con outros equipos da categoría ao non poder establecer contacto nos adestramentos nin disputar partidos de preparación.
Se a situación era xa de seu delicada, este martes volveuse máis complicada se cabe ao anunciar o Sinfín cántabro que un dos seus xogadores deu positivo en Covid-19 nunha proba PCR que se lle realizou antes de someterse a unha operación.
Esta situación obrigou a poñer en corentena a todo o seu equipo e tamén a outro club de Asobal, o Logroño La Rioja, co que disputaron un amigable o pasado sábado 15 de agosto.
"O positivo detectado no BM Sinfín activou o protocolo coa posta en corentena do equipo cántabro e tamén do Ciudad de Logroño, o seu rival no último amigable, que está á espera de realizar as probas", confirmou á súa vez a Liga Asobal.
O primeiro positivo en coronavirus dun xogador da máxima categoría do balonmán nacional prodúcese a só dúas semanas da data fixada para o inicio da liga, en cuxa primeira xornada está previsto que se enfronten precisamente estes dous equipos.