Primeira vitoria da tempada para o Bádminton Ravachol na División de Honra

Pontevedra
06 de novembro 2023

O club pontevedrés impúxose este domingo o Paracuellos (5-2) no encontro da terceira xornada da máxima categoría nacional disputado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva

Xornada de División de Honra entre Bádminton Ravachol e Paracuellos no CGTD Cristina Saiz

Importante triunfo o conseguido este domingo polo Club Bádminton Ravachol Pontevedra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

O conxunto pontevedrés recibía o Paracuellos madrileño na terceira xornada da División de Honra, podendo certificar a súa primeira vitoria da tempada (5-2).

Fíxoo ademais, a pesar do claro do resultado final, remontando, pois foi o conxunto visitante o que logrou o primeiro punto en xogo no dobres mixto.

Con todo o Ravachol deu a volta vencendo no dobres feminino coa parella Georgina Bland-Lisa Curtin e no dobres masculino con Gabriel e Jacobo Fernández.

Lisa Curtin, Gabriel Fernández e Georgina Bland gañaron os tres seguintes puntos en xogo nos seus partidos individuais, facendo inútil o punto final do Paracuellos no partido entre Marco Fernández e o local Manuel Brea.

Con este recultado o Bádminton Ravachol sitúase no terceiro posto da clasificación do Grupo A de a División de Honra, antes de visitar na próxima xornada o líder, o Recreativo IES La Orden (19 de novembro).