Primeira medida da era Toni: o segundo adestrador, Sergio Moreira, apartado

Pontevedra
20 de xaneiro 2023

A primeira decisión do novo adestrador do Pontevedra ten que ver coa confección do corpo técnico. O analista Álex Salgado ascende a axudante e incorpora a un novo preparador, Jony Chavanel

Sergio Moreira e Álex Salgado dirixen o primeiro adestramento do Pontevedra despois do cese de Antonio Fernández Mónica Patxot

A primeira decisión importante da era Toni Otero como adestrador do Pontevedra tomouse antes de disputar o primeiro partido, antes mesmo de pisar o céspede para dirixir o seu primeiro adestramento. Sergio Moreira, segundo adestrador de Antonio Fernández e Ángel Rodríguez, é apartado do corpo técnico do primeiro equipo granate.

"Ninguén ten ningún problema con Moreira", asegurou Otero na súa primeira rolda de prensa como adestrador. Xustificou a súa decisión en que "é simplemente por cambiar e porque se vise unha cara nova".

Neste sentido, engadiu que, como calquera novo adestrador que asume o cargo, "eu quería traer a unha persoa da miña confianza e fíxose un cambio".

Con todo, convén lembrar que nin Antonio Fernández nin a Ángel Rodríguez, os dous adestradores fichados baixo a dirección deportiva de Toni Otero, incorporaron aos axudantes da súa confianza e tiveron que integrar nos seus equipos ao corpo técnico do club. Só cando Fernández Rivadulla xa levaba semanas á fronte e o plantel de axudantes debía ser ampliado o club autorizou a contratación de Álex Salgado como analista e preparador do primeiro equipo.

Ademais, o lugar de Sergio Moreira ocuparao Jony Chavanel, persoa de confianza de Toni Otero que ata a data xogaba no Vilalonga, club ao que xa comunicou a súa baixa. 

Deste xeito, o corpo técnico de Toni Otero estará integrado por *Álex Salgado como segundo adestrador, Jony Chavanel como preparador, Dani Vilas como preparador físico e Moncho Martínez como adestrador de porteiros. Á fronte da área de fisioterapia segue Borja Ríos.

"Non se trata de traer moita xente, pero alguén da túa confianza é normal que traias. Tentáronse facer os menos cambios posibles, pero que o xogador notase tamén algún cambio e ter outra xente que dese outros puntos de vista", argumentou Otero.

Aínda que Sergio Moreira deixa de traballar co primeiro equipo, o que fora coordinador da base e encargado da área de metodoloxía, seguirá ligado ao conxunto granate, no que traballa desde fai máis dunha década.