Din que se difícil é chegar, moito máis éo manterse. O Pontevedra terá unha boa ocasión para comprobar a certeza ou non de tal afirmación no partido que lle enfronta no campo de Santa Mariña, de Redondela (domingo; 17:00 horas) ao CD Choco, na que será a primeira defensa do liderado alcanzado polos granates sete días atrás, ao vencer o Arosa.
O rival non é precisamente dos máis doados. O conxunto redondelano está a callar unha sensacional tempada e marcha situado na terceira posición, a un só punto dos de Luisito. Ademais, do seu feudo unicamente deixaron voar catro puntos, caendo fronte ao Rápido de Bouzas (0-1) e empatando sen goles fronte ao Rácing Villalbés, chegando reforzados a este partido tras conseguir empatar a pasada xornada no Roxo, co Cerceda.
A pesar das baixas con relación á pasada tempada, o seu técnico, Jacobo Montes, conseguiu reunir de novo un bloque compacto e moi competitivo que o está a converter nun dos rivais a bater e serio aspirante aos postos de honra. Por se fose pouco, o técnico redondelano coñece perfectamente o Pontevedra, polo que se espera un choque de elevada dificultade para ambos os dous.
Luisito recupera a Pedro García e Anxo pero perde a Mouriño e Campillo
Por parte granate, Luisito volve acumular problemas para confeccionar o equipo, xa que se ben recupera a Pedro García, tras cumprir sanción, e a Anxo, superados os seus problemas de nocello, perde a Mouriño por acumulación de amoestacións e a Campillo, que resultou lesionado fronte ao Arosa. Como Fran Fandiño segue no dique seco, ao técnico granate quédanlle unicamente 16 homes dispoñibles, que son os que forman a convocatoria.
En consecuencia, ata Redondela viaxarán: Edu, Lloves, Adrián, Pablo, Capi, David Feito, Pedro García, Kevin Presa, Tomás, Tubo, Jacobo, Centrón, Anxo, Benja, Jorge e Pablo Carnero.
O que está garantido é un fenomenal ambiente nas bancadas de Santa Mariña, xa que dende Pontevedra se anuncia o desprazamento dun bo número de seguidores granates, animados pola traxectoria do equipo nas últimas xornadas.
Da dirección do partido encargarase o colexiado Manuel Casanova Cudeiro (Ourense), auxiliado nas bandas por Daniel Hernández González e Iván Rubio Aviñoa.