Primeira das tres finais polo play-off polo título para o Poio Pescamar

Poio
27 de maio 2022

O conxunto vermello viaxa esta fin de semana a Zaragoza coa intención de defender a súa cuarta praza #ante un rival que pelexa por non descender. O Marín Futsal, na zona media da táboa e sen abafos, pode botarlle unha man no seu enfrontamento fronte ao terceiro clasificado, o Roldán

Partido entre Poio Pescamar e Marín Futsal na Seca Cristina Saiz

Tres partidos, tres finais. É o que ten por diante o Poio Pescamar para asegurar o seu posto no play-off polo título de liga na Primeira División.

As vermellas, cuartas con 46 puntos nunha apertada clasificación, viaxan ata terras mañas esta fin de semana para medirse o domingo (12.30 horas) a domicilio ao Sala Zaragoza, un equipo que necesita pola súa banda os puntos para afastarse da zona de descenso.

O cadro conserveiro non pode permitirse erros se quere cumprir o obxectivo de meterse entre as catro mellores da competición e pelexar polo título, aínda que para iso pode recibir unha axuda externa desde o outro lado da ría.

Pódella ofrecer un Marín Futsal que salvado hai semanas recibe este sábado (17.00 horas) na Raña ao terceiro clasificado, un Roldán ante o que ten ganas de desquite tras a recente eliminación en Copa da Raíña fronte ao conxunto murciano.

As de Marín afrontan a cita con dúbidas na portería, debido aos recentes problemas físicos dos seus gardametas Silvia Aguete e Antía Piñeiro.