Presentan en Pontevedra o Programa de Axuda ao Deportista

Pontevedra
01 de decembro 2023

O programa se canalizará desde a Oficina de Atención ao Deportista para atender as demandas sobre orientación e conciliación laboral, académica ou asistencia psicolóxica  

Presentación do Programa de Axuda ao Deportistas (Proade) Xunta de Galicia

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presentou este venres no Centro Galego de Tecnificación Deportiva xunto con deportistas de alto nivel en activo e xa retirados o Programa de Axuda ao Deportista (Proade).

O programa se canalizará desde a Oficina de Atención ao Deportista para atender as demandas sobre orientación e conciliación laboral, académica ou asistencia psicolóxica.

Para realizalo contaron con diferentes experiencias. "Hai xente que se integrou moi rápidamente e outra que custou un pouco máis integrarse no mundo laboral", indicou Calvo despois de analizar os resultados das respostas as enquisas realizadas durante os últimos anos por parte da Fundación do Deporte Galego.

Foron precisamente as respostas máis repetidas nas máis de 700 enquisas que responderon deportistas da comunidade sobre o que máis precisan e que serviu de base para deseñar Proade como unha ferramenta para prestar asesoramento psicolóxico, titorización e orientación no ámbito do deporte de alto nivel.

Xunto ao vicepresidente estiveron Teresa Portela ou Carolina García, integrantes do equipo nacional feminino de K4-500 de piragüismo; a ximnasta Melania Rodríguez; Chano Rodríguez, do equipo paralímpico nacional de natación; ou Gustavo Dacal, explusmarquista español de lanzamento de xavelina que vén de debutar en lanzamento de xavelina adaptada con récord nacional. Tamén asistiron deportistas retirados como Pedro Nimo (exatleta de fondo), Solange Pereira (exatleta de medio fondo e campo a través), Frank Casañas (lanzamento de disco), Elena Roca (rugby) e Lua Piñeiro (taekwondo).

Nun acto posterior formalizaron os acordos coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, as tres universidades galegas e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) que permitirán materializar o programa. Nas sinaturas participaron os reitores das universidades da Coruña e Vigo, Julio Abalde e Manuel Reigosa, respectivamente, o vicerreitor de Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, Ernesto González e a presidenta do COPG, Rosa Álvarez. Acudiron ademais o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

O acordo formalizado coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, inclúen a deportistas de alto rendemento e alto nivel en activo como os que xa finalizaron a súa carreira e queren incorporarse ao mercado laboral a prestación de información en materia de emprego como bolsas ou axudas á contratación, asesoramento por parte de orientadores e orientadoras do Servizo Público de Emprego, apoio ao autoemprego e a proxectos de emprendemento en colaboración cos polos de emprendemento e a organización de xornadas dirixidas a deportistas sobre políticas activas de emprego.

O protocolo coas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, pola súa banda, vai dirixido a deportistas de elite que cursan estudos superiores na comunidade co obxectivo de canalizar as súas necesidades deportivo-académicas mediante o intercambio de información entre distintos organismos e con accións que contribúan a dar visibilidade aos servizos á disposición de deportistas para que poidan conciliar deporte e estudos.

Por último, a Fundación Deporte Galego financiará a contratación de 250 sesións anuais de atención psicolóxica -un máximo de catro ao ano por deportista de alto nivel- por parte de profesionais do Colexio de Psicoloxía de Galicia que prestarán o servizo de psicoloxía que acrediten as competencias requiridas.

Os deportistas Gustavo Dacal e Melania Rodríguez afirmaron que se tata dunha "idea súper importante" ao tratar de "axudar a transicionar desde a vida deportiva á laboral con diferentes ferramentas" e "non encontrarte con ese 'que fago agora' unha vez que te retiras".

Tamén indicaron o favorable que é este programa á hora de axudar a compaxinar estudos co adestramento. "Tengo compañeras a las que no les han cambiado un examen por ir a un campeonato del mundo", lamentó Melania, "no sabemos cómo va a salir pero por algo hay que empezar para saber lo que hay que cambiar o añadir".