Presentada a XXVI edición dun Medio Maratón de Pontevedra que se aproxima á normalidade

Pontevedra
13 de outubro 2021

A proba deportiva, que foi presentada oficialmente este mércores no Concello de Pontevedra e disputarase o vindeiro domingo 17 de outubro, contará con saídas conxuntas de 100 atletas en cada quenda

Presentación do XXVI Medio Maratón de Pontevedra PontevedraViva

Foi a primeira proba atlética popular de Galicia o pasado ano en disputarse cun protocolo adaptado á situación que se vivía coa covid, e en 2021 será unha das primeiras en adoptar unha situación de case normalidade.

O XXVI Medio Maratón de Pontevedra, que se disputará o vindeiro domingo 17 de outubro, contará con saídas graduadas por quendas de "100 persoas que saen xuntas e poden correr xuntas", explicou na presentación oficial do evento o seu director técnico, Víctor Riobó.

Así será desde as 10.00 horas da mañá coas primeiras saídas na súa opción curta de 10 quilómetros (4 quendas) e a partir das 10.30 horas co medio maratón en si (6 quendas) ata completar os 949 participantes cos que se roza o límite máximo de prazas habilitadas.

Trátase de "unha das probas míticas, senlleiras, do calendario deportivo de Pontevedra", defendeu pola súa banda o concelleiro Tino Fernández sobre un evento organizado pola Sociedad Gimnástica co apoio do Servizo Municipal de Deportes.

Aínda que a proba será oficial e federada nesta ocasión o percorrido de 21,1 quilómetros que transcorre en boa parte polo centro urbano, non foi homologado ao realizar cambios para permitir unha posible xornada de vacinación no Recinto Feiral, pero trátase dunha situación ocasional que se pretende emendar na súa próxima edición.

Entre os atletas participantes destacan os dous primeiros clasificados masculinos do pasado ano, Manuel Hurtado e Álvaro Busto, así como a gañadora feminina, Edymar Brea.