Presentación en barco para Alberto Martín, un dos xogadores do Arosa "máis importantes dos últimos anos"

O Salnés
07 de setembro 2021

O centrocampista estremeño, que xa se incorporou aos adestramentos do equipo arosista, foi presentado oficialmente nun acto en Carril e apunta cara ao duelo da fin de semana no campo do Marino de Luanco

Presentación de Alberto Martín como xogador do Arosa Arosa SC

Alberto Marín incorporouse co inicio da semana aos adestramentos do Arosa, o seu novo equipo tras pasar por clubs como o Leganés, onde xogou 16 encontros en Primeira División, Almería, Granada e Recreativo de Huelva, do que procede.

O centrocampista estremeño presenciou desde as bancadas da Lomba a estrea dos seus compañeiros na Segunda RFEF, e este luns foi presentado oficialmente nun acto celebrado en Carril a bordo do galeón Illa de Cortegada, grazas á colaboración coa Asociación Rompetimóns e en homenaxe aos socios arosistas do lugar.

"É un dos xogadores máis importantes por non dicir o máis importante dos últimos anos", asegurou o presidente Manolo Abalo acompañado do propio futbolista, do director deportivo do club, Rafa Sáez, e do directivo José Luis Romero.

"Vin con toda a ilusión e as ganas de seguir crecendo como persoa e profesional e de axudar ao club e aos meus compañeiros", explicou Martín sobre a súa nova aventura en Vilagarcía.

Trátase dun xogador, como el mesmo defínese, que "está ben plantado no campo e que transmite equilibrio e seguridade ao equipo. Dedícome a axudar aos meus compañeiros en defensa".

Alberto Martín, que lucirá o dorsal 16, apunta agora cara á próxima xornada ligueira, na visita do Arousa ao campo do Marino de Luanco nunha cita na que podería debutar se "o corpo técnico así o decide".