Preocupante lesión de xeonllo de Romay no adestramento do Pontevedra

Pontevedra
02 de decembro 2020

O centrocampista retirouse da sesión deste mércores tras sufrir "unha torsión aguda no seu xeonllo dereito" nunha carreira, sen contacto con ningún compañeiro, segundo confirma o club granate. É baixa segura para o próximo partido á espera das probas que confirmen o alcance exacto da doenza

Romay, durante un adestramento do Pontevedra Mónica Patxot

Romay fixo saltar as alarmas no Pontevedra Club de Fútbol despois de sufrir este mércores unha preocupante lesión de xeonllo.

O centrocampista coruñés retirouse anticipadamente do adestramento dos granates despois de sufrir unha "torsión aguda do xeonllo dereito" en plena carreira e sen que se producise contacto con algún compañeiro, segundo confirma a entidade pontevedresa.

Tras unha primeira exploración os servizos médicos do Pontevedra diagnosticaron unha "escordadura de xeonllo de alto grao con afectación ligamentosa", aínda que pendente de coñecer o grao exacto da doenza.

O futbolista, que acaba de recuperarse dunha lesión muscular leve, someterase nos próximos días a unha resonancia magnética para determinar con detalle a lesión, aínda que existe o temor de que se trate dun problema físico que lle manteña afastado dos terreos de xogo durante un período considerable.

Ante esta situación, como é de supoñer, Romay causará baixa para o derbi do próximo sábado 5 de decembro fronte ao Deportivo.