Preocupación no Concello ante a posibilidade de ter que "reprogramar todo e prescindir dalgúns eventos" deportivos

Pontevedra
16 de marzo 2020

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, recoñece a preocupación existente pola posible suspensión de eventos deportivos que se ían a celebrar na cidade nos próximos meses, especialmente en abril e maio, ante o impacto que iso podería supoñer na cidade

Tino Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de deportes PontevedraViva

O calendario de grandes eventos deportivos de Pontevedra, polo que se apostou nas últimas tempadas desde o Concello, está no aire debido á crise sanitaria provocada pola expansión do coronavirus  Covid-19.

Así o recoñece o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, pensando máis aló das citas deportivas suspendidas no mes de marzo e fixando o seu horizonte nas probas programadas para os meses de abril, maio e mesmo xuño.

"Preocúpame o mes de maio, con campionatos de piragüismo (Copa de España de Maratón, Copa de España Sprint Olímpico e tamén Novas Promesas), e temos un Nacional de ximnasia (acrobática) para mediados de xuño que esperemos que non se vexa afectado", recoñece o edil.

"Algúns van ser cancelados definitivamente, como os Xogos Nacionais de Trasplantados que ía ser a finais de abril, e hai outros que veremos a posibilidade de irnos adaptando a outras datas do ano, aínda correndo o risco de que non sabemos canto vai durar isto", recoñeceu o responsable do deporte municipal.

En abril estaba previsto o Campionato Galego de Atletismo (19 de abril) e a principios de maio unha cita propia do calendario local como a Pontevedra 4 Picos de BTT (9 de maio) que "tal e como veñen as cousas probablemente non poida celebrarse por exemplo porque non nos vai a dar moito tempo. Oxalá".

Chegados a este punto haberá que facer encaixe de palillos para atopar un oco no calendario local e no uso das instalacións na segunda metade de 2020, datas ás que se se pode trasladaranse algúns dos campionatos dada a súa transcendencia e impacto económico. Un extremo complicado que fará que "probablemente nos vexamos obrigados a sentarnos, reprogramar todo e prescindir dalgúns eventos", avanza Tino Fernández.

Todo iso tendo en cuenta a variable que supón, en canto ao uso das instalacións municipais, o que suceda coas ligas dos diferentes equipos da cidade e que a día de hoxe permanecen tamén suspendidas. Un problema de difícil solución pero que en todo caso pasa por vencer entre todos e canto antes ao ditoso coronavirus.