O marinense Aarón González proclamouse subcampión no Campionato de España de Boxeo de Clubs celebrado ao longo desta semana en Los Alcázares, Murcia. Era o seu regreso aos campionatos estatais e ao seu peso natural (welter), onde chegou con moita forza e con ganas de traerse un botín ansiado desde hai tempo.
González debutou o mércores enfrontándose ao representante do Team Povedano de Arona (Tenerife), onde se apuntou de maneira unánime os tres asaltos e pasou a cuartos de final.
Na xornada do xoves xogouse o pase ao podio ante o boxeador da Escola García, do Porto de Santa María. O rival saíu a por o combate con golpes contundentes pero o marinense soubo impoñer a súa experiencia cunha presión desde a distancia e levou ao gaditano ás cordas. Así, tras dúas contas de protección e unha superioridade clara, o árbitro decretou KO técnico a favor de Aarón.
En semifinais tíñase que enfrontar ao boxeador do Intacto, de Madrid, pero lesionouse a man no combate anterior e o de Marín pasou directo á ansiada final do sábado fronte a Sergio Martínez.
O boxeador do Equipo Nacional, tivo que recular dándolle o peso do combate ao do Team Thunder que, cun boxeo destrutivo de presión constante, levou ao da selección contra as cordas, facendo que tivese que traballar moi incómodo. Aínda así, a igualdade estivo servida, pero finalmente os xuíces decidiron que o triunfo caese ao lado do representante da Selección Española.
Con esta medalla, Aaron González leva un metal que nunca lograra. O seu medalleiro en campionatos nacionais queda con dous ouros, unha prata e tres bronces, que o sitúan como un dos boxeadores máis laureados da historia recente do boxeo galego.
Ademais, o marinense cumpriu neste campionato, a cifra de 200 combates en boxeo olímpico.