Praga de lesións no TM Monte Porreiro, que encaixa a súa terceira derrota consecutiva na Superdivisión

Pontevedra
02 de decembro 2024
Actualizado: 13:03

O equipo pontevedrés cedeu ante L'Escala nunha xornada que tivo que afrontar con tres dos seus xogadores lesionados e facendo debutar o canteirán Matías Betancor, de só 14 anos

Xornada da Superdivisión entre TM Monte Porreiro e L'Escala TM Monte Porreiro

As lesións castigan duro o Tenis de Mesa Monte Porreiro.

O conxunto pontevedrés, cun equipo de circunstancias, cedeu a fin de semana a súa terceira derrota consecutiva na Superdivisión masculina ao ser superado de maneira clara por L'Escala (1-4).

Os de Nando Álvarez afrontaron a xornada con tres ausencias por problemas físicos.

Por un lado o internacional español Miguel Ángel Vílchez foi baixa por molestias na cadeira, mentres que o portugués André Silva non puido participar por culpa dunha fisura nunha costela. Aínda por riba Gonçalo Gomes, que xa curbió a baixa de Silva contra o Arteal, recaeu dunha lesión no talón de Aquiles.

A isto súmase ademais que o capitán Nico Galvano, recentemente incorporado tras superar unha importante lesión de xeonllo, está aínda falto de ritmo de competición.

Esta situación motivou o debut do novísimo Matías Betancor, canteirán de só 14 anos de idade, formando equipo con Nico Galvano e Martín Betancor, que foi o único que logrou sumar un punto ao gañar un dos seus partidos contra Iker González.

A pesar da derrota, o bo inicio de tempada o Monte Porreiro fai que desde o club manteñan a tranquilidade, afastados dos postos de descenso.

De feito o Visit Pontevedra mantense na zona alta da táboa, quinto, con 11 puntos.