Pouso despídese do plantel do Pontevedra e Jesús Ramos toma o mando

Pontevedra
19 de febreiro 2020

O técnico vasco acudiu este mércores ao adestramento do equipo granate en Poio a despedirse dos xogadores, despois de ser apartado do cargo. Seguirá ligado ao club ata final de tempada en labores de 'scouting' e seguimento de futbolistas

Carlos Pouso despídese do plantel do Pontevedra no adestramento celebrado en Poio PontevedraViva

Tentando esquivar o protagonismo e con cordialidade. Así se despediu este mércores Carlos Pouso dos que poucas horas antes eran os seus pupilos no Pontevedra Club de Fútbol.

O técnico vasco achegouse ata o campo da Seca, en Poio, xusto cando concluía o adestramento do equipo, despois de ser cesado o martes como adestrador do primeiro plantel granate debido aos malos resultados das últimas semanas, con 3 puntos sumados dos últimos 24 en xogo.

No vestiario esperábanlle xa os xogadores, e tras un breve encontro co corpo técnico e o conselleiro responsable da planificación deportiva, Roberto Feáns, Pouso reuniuse co plantel. Foi un encontro breve, que concluíu cun sonoro aplauso dos futbolistas que se puido escoitar desde o exterior da caseta.

"Como profesional y como persona ha sido un hombre excepcional, ha sido un hombre honesto y honrado con su trabajo", sinalou ao termo da sesión o capitán Edu Sousa.

É de todos os xeitos unha despedida a medias, xa que segundo confirmou o club seguirá ligado ao Pontevedra ata final de tempada noutros labores. Ese labor é o 'scouting' de equipos e seguimento de xogadores en colaboración coa dirección deportiva.

JESÚS RAMOS ASUME O MANDO

A visita de Pouso foi o final dunha xornada de traballo que comezou cedo, minutos antes mesmo das 10:30 horas habituais, e xa baixo o mando de Jesús Ramos, ata o de agora segundo adestrador e que seguirá no cargo polo menos ata final de tempada. Esa é a intención do Pontevedra, sempre que a situación deportiva non empeore.

Ramos, que xa colleu as rendas do equipo como interino tras a saída de Luismi (con resultado de dúas vitorias en dous encontros), mostrouse dialogante cos futbolistas e intenso nas súas indicacións durante os diferentes exercicios, unha intensidade que pretende contaxiar ao equipo para cambiar canto antes a mala serie de resultados.

No adestramento exercitáronse a menor ritmo Campillo, recuperándose dunha escordadura de nocello, e Pedro Vázquez, afectado dun lategazo cervical. A previsión é que o centrocampista poida reincorporarse ao grupo nos próximos días. Ausente estaba Berrocal, pendente do diagnóstico da lesión que se produciu o domingo tras someterse ás pertinentes probas, aínda que a súa baixa é segura durante polo menos varias semanas. A boa nova deune Adrián Cruz, que realizou gran parte da sesión co grupo.