Portonovo acollerá o Campionato Galego de Boxeo a primeira fin de semana de novembro

Sanxenxo
05 de outubro 2023

Na cita, na que competirá o mozo local Sergio Berreco (Pibe's Team), conta cunha previsión de participación de preto de 400 deportistas

Presentación do Campionato Galego de Boxeo que se celebrará en Sanxenxo Concello de Sanxenxo

O pavillón de Baltar, en Portonovo, será escenario os días 4 e 5 de novembro, do Campionato Galego de Boxeo.

A competición foi presentada este xoves con presenza do presidente da Federación Galega de Boxeo, Manuel Planas, o edil Juan Deza e o responsable do Pibe’s Team Sanxenxo, Sebastián Laterza.

Será o "campionato galego con maior participación de boxeo da historia", asegurou Planas ao esperarse preto de 400 deportistas.

A cita contará ademais cun representante local, Sergio Berreco, do Pibe’s Team Sanxenxo e de só 16 anos de idade, que se estreou recentemente no Open celebrado de Ferrol. 

No pavillón habilitaranse dous rings para poder copaginar os distintos combates e categorías previstos.

"Non só ten importancia a nivel deportivo senón tamén a nivel económico porque supón a chegada de máis de mil visitantes nunha fin de semana", explicou pola súa banda Juan Deza contento de que se celebren este tipo de campionatos no municipio fóra da tempada alta.