Pontevedra será sede en 2015 do Campionato de España de Tríatlon Sprint e de Acuatlón

Pontevedra
29 de xullo 2014

A Federación Española inclúe á cidade de Lérez como sede de ambos os dous campionatos no calendario oficial da próxima tempada. Ambas as dúas competicións celebraranse durante a primeira quincena do mes de xuño

Participantes no XIV tríatlon Cidade de Pontevedra

A aposta de Pontevedra polo tríatlon terá continuidade en 2015. Despois de acoller nos últimos anos unha proba da Copa de Europa, o Campionato de Europa, de España Absoluto ou o Mundial de Dúatlon, a cidade de Lérez será sede por primeira vez doutros dous campionatos nacionais, o de acuatlón e o de tríatlon en distancia Sprint.

Así o confirmou a Federación Española incluíndo á cidade de Lérez no calendario oficial da próxima tempada.

Desta forma Pontevedra volverá contar con competicións de alto nivel, celebrándose ambas as dúas durante a primeira quincena do mes de xuño.

Estes dous campionatos atraerán á cidade a un importante número de deportistas de diferentes puntos do estado, posto que contarán con carreiras en categoría Elite, Sub-23, Júnior, Cadete, Paratriatlón e Grupos de Idade.

No caso do Campionato de España de Tríatlon en distancia Sprint, a competición desenvolverase nun circuíto de 750 metros a nado, 20 quilómetros de ciclismo e 5 de carreira a pé, salvo na categoría cadete nas que as distancias se reducen (750 metros de natación, 10 quilómetros en bicicleta e 2,5 a pé).

Pola súa banda o acuatlón é unha disciplina que prescinde do tramo de ciclismo para centrarse na carreira e a natación. Neste caso as distancias serán de 2,5 quilómetros a pé no primeiro sector, 1 quilómetro de natación no segundo e un tramo final de novo a pé de 2,5 quilómetros.

En categoría cadete o acuatlón redúcese a 1,5 quilómetros, 500 metros e 1,5 quilómetros respectivamente.