Pontevedra será en 2019 a capital mundial do tríatlon

Pontevedra
03 de decembro 2015

A Federación Internacional de Triatlón (ITU) concedeu a Pontevedra a organización do Multisport Festival 2019, un evento que congregará desde o próximo ano catro campionatos do Mundo, os de dúatlon, tríatlon cros, acuatlón e tríatlon de longa distancia. Prevese a participación de "máis de 4.000 deportistas"

Miguel Anxo Fernández Lores e Anxos Riveiro tras anunciar a concesión do ITU Multisport Festival PontevedraViva

O recentemente creado Festival Multideportes da Federación Internacional de Tríatlon (ITU), recalará en Pontevedra no ano 2019.

Así o confirmou este xoves o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, tras recibir a notificación oficial da ITU.

Pontevedra interesouse por acoller este evento xa en 2017, pero "hai cinco continentes", explicou Lores, polo que a cidade de Lérez centrou os seus esforzos no ano 2019.

Nesa data, a falta de concretar o mes, a cidade de Lérez converterase na capital mundial do tríatlon reunindo os Campionatos do Mundo de dúatlon, no que repite organización tras acollelo en 2014, o de tríatlon cros, acuatlón e tríatlon de longa distancia.

En total, a ITU estima que participarán "máis de 4.000 deportistas" no que o alcalde xa sinala como "o evento deportivo máis importante na historia de Pontevedra".

Lores: "É o evento deportivo máis importante na historia de Pontevedra"

Serán preto de 10 días de competición polas rúas da cidade e outras zonas do municipio, pois se pensa no Pontillón do Castro para a proba do tríatlon cros, o río Lérez e a Illa das Esculturas para o acuatlón, mentres o Mundial de dúatlon, previsiblemente, repetiría o circuíto de 2014.

A Federación Internacional, presidida pola española Marisol Casado, comunicou a noticia ao presidente da Federación Española, José Hidalgo, tras a votación que se produciu na recente reunión da ITU celebrada en París, os días 28 e 29 de novembro.

Os primeiros detalles organizativos coñeceranse a partir do mes de xaneiro, cando está previsto negociar certos aspectos como o calendario concreto da competición.

A cidade canadense de Penticton será a encargada de organizar os primeiros Campionatos do Mundo de Multideporte en 2017, tomando a alternativa Odense (Dinamarca) en 2018.

A presidenta da ITU, Marisol Casado, explicou en declaracións recollidas pola Federación Española, que tres cidades competían pola organización do festival para 2019, sinalando que a experiencia de Pontevedra tras o Mundial de dúatlon 2014, as tres copas de Europa ou o Campionato de Europa de Tríatlon 2011 foi un elemento decisivo