Pontevedra será candidata para acoller a final das Series Mundiais de tríatlon

Pontevedra
06 de maio 2019

Animado polo "éxito absoluto" que supuxo o ITU Multisport 2019 que comprendeu cinco mundiais de tríatlon, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que a cidade do Lérez será candidata para acoller a gran a final das series mundiais de tríatlon

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Nacho Fuentes

Animado polo "éxito absoluto" que supuxo o ITU Multisport 2019 que comprendeu cinco mundiais de tríatlon, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que a cidade do Lérez será candidata para acoller a gran a final das series mundiais de tríatlon.

Este ano 2019 a final disputarase na cidade suíza de Lausana, para o 2020 será a vila canadense de Edmonton, en 2021 será en Bermudas e no 2022 Abu Dabi, nos Emiratos Árabes Unidos. O Concello de Pontevedra tentará que para o 2023 a sede deste evento sexa a Boa Vila. O comité organizador elixirá a sede a finais de ano entre as candidaturas presentadas de todos os recunchos do planeta.

A final das Series Mundiais culminará a tempada de campionatos mundiais ITU onde se coroarán campións mundiais, xuvenís, sub23 e de paratriatlón. A cidade daría a benvida a máis de 5.000 atletas en tres días de competición, ademais da masiva asistencia de público.

Lores comentou que Pontevedra ten a "vantaxe" da experiencia adquirida estes dez días coa organización do ITU Multisport 2019 onde "todo foron parabens" dos membros da Unión Internacional de Tríatlon (ITU).

O alcalde de Pontevedra insistiu no "éxito absoluto" tanto desde o punto de vista deportivo como "de público, de proxección da cidade e tamén económico". Ademais apuntou o rexedor que "o máis importante" é o "sentimento de orgullo" de toda a cidadanía "por ter capacidade de organizar con tanto éxito un campionato destas características".

Fernández Lores agradeceu a todas as persoas que participaron na organización así como pola acollida que brindaron os pontevedreses a todos os participantes e visitantes.

A valoración de todas as delegacións internacionais e da propia ITU recoñeceu que este Multisport 2019 "foi o mellor mundial celebrado ata agora", destacou Lores.

Finalmente o alcalde vinculou este resultado con "un modelo de cidade que permite celebrar eventos destas características" e que nos próximos meses dará cabida a novas citas deportivas como son o Mundial Júnior de Balonmán, Campionato de Europa de Loitas Olímpicas e o circuíto pro-circuíto de tríatlon, en categoría elite.