O Pontevedra repite prezos para o partido de oitavos de Copa

Pontevedra
09 de xaneiro 2025
Actualizado: 11:37

As entradas para o choque copeiro contra o Getafe están xa á venda, pero até o sábado día 11 limitada só a abonados granates. Só existirá a categoría de adulto nos billetes

Partido de Copa do Rei entre Pontevedra e Mallorca en Pasarón Cristina Saiz

As entradas para o choque de oitavos de final da Copa do Rei entre Pontevedra Club de Fútbol e Getafe (mércores 15 de xaneiro, 19.30 horas) están xa á venda.

O club granate confirmou o prezo das localidades, aínda que a venda estará restrinxida aos seus abonados até as 12.00 horas do próximo sábado día 11.

Durante ese período os socios, que teñen o acceso incluído no seu carné de tempada, poderán adquirir até dúas localidades para acompañantes.

Os prezos serán os mesmos que nos dous encontros anteriores ante Villarreal e Mallorca, coa única particularidade de que non existirá a categoría xuvenil e todos os afeccionados pagarán o boleto único de adulto.

Como compensación, aos siareiros menores de 16 anos que compren unha entrada, regalaráselle outra para o partido de liga do domingo 19 de xaneiro fronte ao Compostela en Pasarón, unha promoción á que tamén accederán os socios que compren entradas no período preferente e que recibirán unha invitación.

Desta forma, as entradas custarán 25 euros nos fondos, 35 euros en Preferencia e 45 euros na bancada de Tribuna.

Os boletos poden adquirise online e tamén nas oficinas de Pasarón, de luns a venres de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.

Ademais os despachos de billetes do estadio abrirán o día do partido ás 18.00 horas sempre que quede aforamento dispoñible.