A cidade de Pontevedra non dá por terminado o seu vínculo especial co deporte do tríatlon. Á Gran Final das Series Mundiais que terán lugar este ano 2023 sumouse agora outro gran evento deportivo, os Campionatos do Mundo Multideporte.
A Boa Vila foi elixida como sede destes mundiais para o ano 2025. Será a segunda vez na historia que os acolla, tras aquela exitosa edición de 2019 gravada no imaxinario colectivo coa fotografía de Javier Gómez Noya e Pablo Dapena conseguindo un histórico dobletede ouro e prata na carreira de tríatlon de longa distancia.
"Toda a cidade ten presente o que foi no 19. Pois é o mesmo pero cun mundial máis", explicou este xoves en rolda de prensa o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo, confirmando a designación, e é que aos campionatos do mundo de dúatlon, acuatlón, aquabike, tríatlon de longa distancia e tríatlon cros sumarase agora o de dúatlon cros.
En total espéranse máis de 4.000 deportistas para un evento que "non se sabe a data pero será a finais de primavera ou principios do verán", afirmou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
"Estou emocionado e orgulloso de que este campionato fose concedido por unanimidade", sinalou o rexedor defendendo que "non hai dúbida que Pontevedra é refencia mundial non tríatlon".
A candidatura pontevedresa xerou un importante consenso entre todas as delegacións federativas polo recordo do sucedido hai uns anos, e é que "Pontevedra 2025 é posible grazas a Pontevedra 2019, porque os nosos maiores embaixadores foron os deportistas que competiron aquí", explicou o presidente federativo.
Queda aínda moito para a cita, pero os responsables da organización aproveitaron a súa comparecencia para acordarse dos grandes referentes do tríatlon local, porque "non estaría mal que Javi (Gómez Noya), Pablo (Dapena), Saleta (Castro) ou Susana (Rodríguez Gacio) se marquen o reto de volver participar", lanzou a modo de dardo José Hidalgo lembrando á súa vez que "non hai ningunha cidade do mundo que teña organizado o que Pontevedra no tríatlon".