Pontevedra réndese ante La Vuelta cunha fermosa etapa que deixa líder a un dos favoritos, Vincenzo Nibali

Pontevedra
25 de agosto 2013

A segunda etapa da Vuelta contaba co primeiro final no alto da proba. Prometía grandes emocións e non decepcionó a ninguén. Logo da esixente contrarreloxo por equipos do sábado, Galicia, na segunda das súas catro etapas, tiña reservado aos ciclistas un porto, ao Alto da Groba (Baiona) que resultou ser unha trampa. Del saiu líder o italiano Vincenzo Nibali (Astana), un dos grandes favoritos

Salida neutralizada da segunda etapa de La Vuelta na Praza de España de Pontevedra Deputación de Pontevedra

Se hai algún sitio onde se vive o deporte ao máximo, ese é sen dúbida Pontevedra. E volveuse a demostrar coa Vuelta Ciclista a España. Miles de persoas deixáronse seducir pola maxia do mellor ciclismo. Nunca antes Pontevedra, a cidade coa que La Vuelta regresou a Galicia hai dous anos, acollera unha saída de etapa. E os pontevedreses fixeron que este día fora inesquecible para os ciclistas.

O epicentro foi a Praza de España, lugar desde onde se deu a saída neutralizada contra as 13.00 horas. Desde primeira hora da mañá afeccionados e curiosos deixáronse ver pola zona coa esperanza de ver aos seus ídolos durante o control de firmas ao que están obrigados ao comezo de cada etapa. Un trámite que estivo amenizado por numerosas actividades paralelas e que foi caldeando o ambiente para o que estaba a piques de suceder.

E todo para ver un espectáculo de primeiro nivel. Non era para menos. A segunda etapa da Vuelta contaba co primeiro final no alto da proba. Prometía grandes emocións e non decepcionó a ninguén. Logo da esixente contrarreloxo por equipos do sábado, Galicia, na segunda das súas catro etapas, tiña reservado aos ciclistas un porto, ao Alto da Groba (Baiona) que resultou ser unha trampa.

Tras unha saída neutralizada, na que os ciclistas percorreron gran parte do centro da cidade de Pontevedra, o pelotón afrontou tranquilo a maior parte dos 177,7 quilómetros desta segunda etapa. Sen apenas sustos ou intentos de escapada, foron pasando sucesivamente polas localidades de Arcade, Redondela, Vigo, Nigrán, Gondomar, O Porriño, Ponteareas, Salvaterra, Caldelas, Tui, A Guarda e Baiona.

Alí foi onde empezaron as hostilidades. Entre o esforzo que realizou o grupo os últimos 50 quilómetros para botar abaixo a fuga do día e o ritmo dos Movistar na ascensión ao Alto da Groba, vivimos a primeira sorpresa da proba, o afundimento de Samuel Sánchez. O líder do Euskatel-Euskadi perdeu case tres minutos. O resto de favoritos superou sen problemas o ritmo que impuxo o Movistar nos once quilómetros de subida.

O equipo de Valverde mostrou o por que dos eloxios dos rivais e expertos. Primeiro Lastras, despois Herrada e máis tarde o polaco Szmyd non deixaron respirar ao grupo. Tiraron moi forte ata o último quilómetro e medio. Foi entón cando fructificou un ataque do grupo formado por Dani Moreno (Katusha), Domenico Pozzovivo (AG2R), Leopold Konig (Netapp) e Nicolas Roche (Team Saxo-Tinkoff), que se levou finalmente a etapa.

Tras esta segunda etapa, o novo xersei vermello da carreira é Vincenzo Nibali (Astana) que releva ao seu compañeiro de equipo o esloveno Janez Brajkovic (Astana), líder trala crono do sábado. Ten oito segundos de vantaxe sobre Roche, o gañador da etapa. Alejandro Valverde (Movistar) e Purito Rodríguez (Katusha), que rabuñaron dous segundos ao italiano na liña de meta, son oitavo e vixésimo cuarto, a 27 e 57 segundos do líder, respectivamente.

TERCEIRA ETAPA: VIGO - VILAGARCIA

A terceira etapa da Vuelta a España en Galicia ten 184,8 quilómetros. O pelotón sairá de Vigo para terminar no Mirador de Lobeira (Vilagarcía de Arousa). A parte final pica cara arriba aínda que sen excesiva dureza. Será un percorrido moi sinuoso onde os máis valentes intentarán buscar unha fuga. Malia a parte final, probablemente non será unha etapa que marque diferenzas na clasificación xeral. Iso si, a emoción estará asegurada.

A saída está prevista para as 13.10 horas. Tras deixar Vigo, o pelotón irá pasando sucesivamente por Moaña, Cangas, Bueu, Marín e Pontevedra (a donde chegará sobre as 14.25 horas se se cumpren os horarios da organización). De aí dirixiranse pola PO-308 a Poio, Combarro, Raxó, Sanxenxo, Portonovo, A Lanzada, O Grove, San Vicente do Mar, Villalonga, Dena, Ribadumia, Meis, Vilagarcía de Arousa, Vilaxoán, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa, antes de volver a Vilagarcía e afrontar a subida ao Mirador de Lobeira.